O delegado territorial visita aos usuarios do centro ocupacional para a atención de persoas con discapacidade psíquica de Verín no seu 25 aniversario
Manuel Pardo destacou o apoio da Xunta a esta asociación coa que colabora no financiamento de 17 prazas cunha achega de máis de 205.000€ anuais, co fin de mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 18 anos con discapacidade intelectual e das súas familias
O delegado territorial lembrou que a Consellería de Política Social e Igualdade, tamén colabora con esta asociación, a través das axudas do 0,7% do IRPF, a través das cales ten achegado nos últimos anos máis de 150.000 euros
Tamén visitou o Fogar Residencial Santa María de Verín para amosarlle, tanto as persoas residentes como a todo o seu persoal, os mellores desexos de cara ás festas de Nadal
Ourense, 22 de decembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desta desprazouse esta mañá ao centro ocupacional de atención a persoas con discapacidade psíquica de Verín, coincidindo co 25º aniversario da Fundación de Discapacitados Psíquicos, para manter un encontro con membros da súa directiva, no que foi posto ao día dos proxectos que están a levar a cabo no eido das necesidades das persoas que sofren algún tipo discapacidade.
Durante a súa visita, o delegado territorial destacou o apoio da Xunta a esta asociación coa que colabora na financiación de 17 prazas cunha achega de máis de 205.000€ anuais, co fin de mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 18 anos con discapacidade intelectual e das súas familias, así como a integración individual e a normalización da súa propia contorna.
Tamén lembrou que, a maiores do financiamento anual das prazas, a Consellería de Política Social e Igualdade, tamén colabora con esta asociación, a través das axudas do 0,7% do IRPF, a través das cales ten achegado nos últimos anos 35.759€ para a ampliación do recinto, 50.000€ para o peche da parcela e 47.700€ para a adquisición dun vehículo. Así mesmo, en 2024 reformáronse os aseos grazas a unha subvención de máis de 22.000€.
Manuel Pardo explicou que este centro, que ten unha área de influencia nos concellos de Verín, Vilardevós, Cualedro, Monterrei, Laza, Oímbra, Riós e Castrelo do Val, ten como obxectivo impulsar o fomento da autonomía, da formación e da empregabilidade das persoas con discapacidade, actuando nas áreas laboral-formativa, atención psicosocial e benestar físico.
O representante do Goberno galego rematou agradecendo aos responsables do centro o seu traballo as 24 horas e os 365 días do ano polo benestar das persoas con discapacidade, e subliñou que todos os avances acadados nos últimos anos son posibles grazas ao firme compromiso das entidades sociais e do papel fundamental que xogan as familias, xa que son as primeiras defensoras dos dereitos das persoas con discapacidade.
Visita ao Fogar Residencial Santa María
Aproveitando a súa estadía na contorna, o delegado territorial visitou Fogar Residencial Santa María de Verín para amosarlle, tanto as persoas residentes como a todo o seu persoal, os mellores desexos de cara ás festas de Nadal.