A sede electrónica da Xunta permite xa separar en carpetas específicas as tramitacións persoais das profesionais
As persoas profesionais, autónomas ou intermediarias poden crear un espazo específico diferenciado para os trámites relacionados coa súa actividade
A cidadanía pode clasificar, dentro da súa área privada, os expedientes, presentacións e borradores, a así separar o seu labor profesional das xestións que realice de forma persoal
Esta actualización forma parte do proceso de renovación da sede electrónica que personaliza os servizos e se anticipa ás necesidades da cidadanía
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2025
A Xunta de Galicia puxo en marcha unha nova actualización da sede electrónica que inclúe, como principal novidade, a posibilidade de crear unha carpeta profesional na área privada das persoas usuarias. Con esta modificación, as empresas dispoñen dende o pasado día 13 de decembro dunha Carpeta profesional. Ademais, as persoas profesionais, autónomas ou intermediarias poden crear un espazo específico diferenciado para os seus trámites relacionados coa súa actividade.
Con esta nova configuración da súa área privada, a cidadanía pode clasificar os expedientes, presentacións e borradores entre dúas carpetas, para así separar o seu labor profesional das xestións administrativas que realice de forma persoal.
Este cambio forma parte do proceso de configuración da nova sede electrónica da Xunta, que sitúa ao cidadán no centro dos servizos públicos. A nova sede adaptase ás necesidades da cidadanía con servizos e información personalizada, e anticípase ás súas necesidades mediante servizos proactivos. Avanza na mellora das canles de relación coa cidadanía co obxectivo de mellorar a experiencia de usuario e a accesibilidade.
Entre as novidades está tamén a posibilidade de usar dispositivos móbiles e avanza na oferta de servizos dende unha perspectiva multicanle, que inclúe a app XuntaEu, a Sede electrónica, e as oficinas de asistencia. Faise ademais un especial énfase na personalización e en facilitar a busca de trámites, permitindo focalizar por colectivo.