Os establecementos hoteleiros galegos ingresaron 431 M€ entre xaneiro e novembro de 2025

Os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística confirman un incremento do 4,9% nos ingresos do sector nos once primeiros meses deste ano

Só no mes de novembro de 2025, os establecementos hoteleiros galegos recibiron 286.834 persoas, que realizaron 539.347 noites

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2025

O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de facer públicos este martes os datos relativos á enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega que indican que nos once primeiros meses do ano, o sector obtivo uns ingresos totais nominais de 431M€, acadando un incremento do 4,9% con respecto ao mesmo período de 2024.

Só no mes de novembro o sector hoteleiro ingresou 23 M€, unha cifra que a grandes trazos se mantén estable en relación ao dato de 2024, medrando o 0,4%, e acadando unhas contas que superan tamén toda a serie anterior a 2024 e situándose como a cifra máis alta da serie histórica en canto a ingresos hoteleiros.

O INE informa tamén que no mes de novembro se aloxaron nos hoteis e pensións galegas 286.834 persoas que fixeron 539.347 noites. O nivel de noites deste ano mantense por riba de toda a serie anterior a 2024, superando por segundo ano consecutivo as 530.000 noites.

Neste sentido, cos datos actuais e a falta de contar cos datos de turismo rural, albergues e cámpings de novembro que se farán públicos proximamente, no acumulado entre xaneiro e novembro, Galicia rexistra 6,9 millóns de viaxeiros aloxados (+2,4%) que fixeron 12,9 millóns de noites (+1,8%).

As cifras do sector hoteleiro para o mes de novembro revelan que 80% das noites hoteleiras corresponden ao turismo de ámbito nacional, segmento no que ten un maior peso o receptor -españois que proceden doutras comunidades autónomas pois representan o 48% do total-. O mercado interno, dos residentes en Galicia, absorbe o 32%. O mercado internacional supón o 20% das noites nos establecementos galegos.

Co 43% das noites hoteleiras A Coruña lidera en novembro, por terceiro mes consecutivo, o mercado turístico hoteleiro, seguida de Pontevedra, co 34%, por diante de Lugo e Ourense, co 13% e 10% do total, respectivamente.

Data de actualización: 23/12/2025