Belén do Campo destaca as importantes melloras realizadas no Caserío do Tión grazas a un apoio da Xunta de case 40.000 euros da Orde de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos

A delegada da Xunta destacou que con esta obra o restaurante reafirma o seu compromiso coa calidade e coa mellora continua

Coirós (A Coruña), 23 de decembro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto co alcalde de Coirós, Francisco Quintela, hoxe o restaurante Caserío do Tión, beneficiario das subvencións concedidas para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración.

Concretamente, este restaurante recibiu case 40.000 euros, o 40% do investimento total, que lle permitiron levar a cabo importantes melloras Concretamente, levou a cabo a adecuación da súa terraza exterior co obxectivo de optimizar a eficiencia enerxética, a accesibilidade e o confort tanto para a clientela como para o persoal.

A actuación permitiu transformar un espazo actualmente limitado por unha cuberta de lona con deficiencias de illamento térmico e protección fronte aos axentes atmosféricos nunha terraza moderna, funcional e plenamente integrada na actividade do establecemento durante todo o ano.

O proxecto incluiu a substitución da cuberta existente por paneis tipo sándwich con illamento térmico, así como o peche mediante paneis, que melloraron tanto o comportamento térmico como a resistencia estrutural do espazo. Ademais, instalaronse novas ventás de PVC con dobre acristalamento, pavimento de parquet cerámico antiescorregadizo e iluminación LED de baixo consumo, reforzando o compromiso do restaurante coa eficiencia enerxética e a sustentabilidade.

Entre as melloras realizadoas tamén se contemplou a instalación de sistemas de aire acondicionado e a construción de dous baños, un deles adaptado para persoas con mobilidade reducida, garantindo así a accesibilidade universal e o cumprimento da normativa vixente.

Grazas a esta reforma, El Caserío de Tión ampliou o uso da súa terraza durante todo o ano, incrementando a rendibilidade do negocio e reducindo a estacionalidade, o que repercutiu positivamente na estabilidade do emprego e na calidade do servizo ofrecido á clientela.

Liña de axudas

A delegada da Xunta lembrou que esta liña, contou este ano con 4,5M€, 3,5 millóns de euros para establecementos hoteleiros e 1 millón de euros para restaurantes, concedendo en total 212 axudas. Por provincias, os aloxamentos situados na provincia da Coruña beneficiáronse de 70 axudas por un importe de 1,4 millóns. Concretamente, na comarca de Betanzos ademáis do Caserío do Tión tamén recibiu outra achega da case 9.000 euros o albergue Alvarella de Vilarmaior para unha actuación de renovación e modernización das súas instalacións.

A boa acollida desta orde reflíctese no impulso que supuxo o incremento da liña de crédito, que en 2025 sumou 1M€ aos 3,5M€ cos que estaba dotada en 2024. A delegada adiantou que esta orde volverá a convocarse, o ano que ven, para que o sector turístico poida seguir modernizando os seus establecementos.

A convocatoria centrouse na mellora das infraestruturas turísticas, entendendo que estas teñen un impacto directo na calidade dos servizos e recoñecendo a necesidade de actualizalas periodicamente para responder ás novas exixencias e requisitos do mercado. Con estas achegas quérese incentivar as actuacións para manter unha adecuada rede de restaurantes e aloxamentos, así como avanzar nun turismo de calidade, máis accesible e sostible.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/12/2025