O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe o centro acompañado do alcalde, Carlos Martínez
A Xunta financiará a reforma da escola infantil municipal de Vedra
Achegará 75.000 euros para que o Concello leve a cabo diferentes obras de mellora do equipamento, que deberán estar listas ao longo do vindeiro ano
Vedra (A Coruña), 26 de decembro de 2025
A Xunta de Galicia vén de asinar un convenio de colaboración co Concello de Vedra para a realización de obras de mellora na escola infantil municipal. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá o centro acompañado do alcalde, Carlos Martínez.
Con este acordo, o Goberno galego financiará con 75.000 euros a reforma da escola. Entre as actuacións contempladas está: a colocación de estores nas fiestras, substituír o chan existente por formigón pulido, a colocación dun falso teito con novas luminarias, o pintado das paredes interiores do edificio ou a instalación dunha nova marquesiña. Será o ente local o que se encargue da contratación e do seguimento dos traballos, que deberán estar listos ao longo do vindeiro ano.
O xerente do Consorcio sinalou que esta actuación é unha mostra máis do compromiso da Xunta de Galicia coa atención á infancia e o apoio á conciliación das familias, a través de continuos investimentos de mellora nos centros de 0 a 3 anos ou tamén con medidas como a gratuidade.
Ao respecto, Perfecto Rodríguez destacou que este é o cuarto curso consecutivo no que as familias galegas non teñen que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos ou fillas, vaian a unha escola 0-3 da Xunta, dependente dun concello, de iniciativa social ou privada. Grazas á gratuidade, Galicia lidera a taxa de escolarización no primeiro ciclo de Infantil cun 65%, 15 puntos por riba da media nacional.
Outros investimentos
As melloras proxectadas na escola infantil de Vedra forman parte dun novo programa de intervencións en centros públicos de toda Galicia, de titularidade municipal e autonómica. A Xunta destinará a estas actuacións, preto de 980.000 euros procedentes do Fondo de Cohesión e Transformación Social (FCT).
Con estes fondos acometeranse actuacións de reforma, de ampliación, de renovación de cubertas e fachadas ou de equipamento, en función das necesidades que teñan os centros.