A directora xeral de Persoas con Discapacidade e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica visitaron hoxe as actividades de Nadal
A Xunta felicita a HC San Rafael por impulsar desde hai máis de 75 anos un belén tradicional elaborado polo persoal e os usuarios da entidade
A entidade conta na actualidade con varios centros que dispoñen de 188 prazas públicas financiadas pola Xunta para persoas con discapacidade, cun investimento anual de 2,9 M€
Vigo, 30 de decembro de 2025
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitaron esta mañá o tradicional belén que desde hai máis de 75 anos elaboran o persoal e os usuarios do Hogar e Clínica San Rafael de Vigo.
Durante o percorrido polas instalacións, os representantes autonómicos puideron felicitar aos usuarios desta entidade pola súa participación e implicación nesta actividade de Nadal. Ademais, coñeceron o mercado con produtos realizados nos talleres do centro polos mesmos usuarios. Os beneficios desta venda destínanse integramente a financiar actividades de lecer para as persoas atendidas pola institución.
O Belén, que permanecerá aberto ao público ata o vindeiro 6 de xaneiro en horario de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, ocupa unha superficie de 40 metros cadrados e conta con máis de 100 figuras que representan as escenas típicas do Nadal.
A directora xeral puxo en valor o bo facer desta entidade, que leva 90 anos traballando polo benestar das persoas con discapacidade e as súas familias, e fixo fincapé na estreita colaboración que o Executivo autonómico mantén coas entidades sociais para poñer á disposición das persoas con discapacidade e das súas familias máis servizos, máis facilidades e máis coidados coa maior axilidade posible.
Concretamente, a Administración autonómica colaborou economicamente co Fogar e Clínica San Rafael na construción do novo centro de día San Rodrigo de Pampuri, posto en marcha este ano e que ofrece 36 prazas de atención diúrna. Ademais, a entidade conta na actualidade con varios centros que dispoñen de prazas financiadas pola Xunta, un total de 188, que supoñen un investimento anual de 2,9 M€.