Mensaxe de fin de ano do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2025

Hoxe despedimos un 2025 frenético e intenso. Tamén foi ano Castelao, e que mellor que poñernos —metaforicamente— as súas gafas para reflexionar con serenidade sobre os retos que afronta Galicia.

Estamos no Museo de Pontevedra, que custodia máis de 1.800 pezas do legado deste rianxeiro universal e poliédrico. Castelao foi debuxante, foi dramaturgo, foi ensaísta e foi político, facetas que nacen e se resumen na súa condición de galeguista.

Algunhas das ideas que el defendeu, e que daquela eran revolucionarias, hoxe forman parte do acervo común das galegas e galegos. A arquitectura institucional, política e cultural da Galicia de hoxe é posible porque antes a soñaron Castelao, Risco, Brañas, Otero Pedrayo e outros moitos intelectuais que amaban o seu país.

No camiño que nos trouxo ata aquí atópanse algunhas das claves para interpretar e entender as mudanzas ás que nos enfrontamos, drásticas e imprevisibles.

As redes sociais marcan o compás do mundo e, ás veces, só ollamos o universo a través dunha pantalla. Fronte a esta realidade, aspiramos a facer de Galicia un refuxio no que as cousas se entendan doutra maneira, un lugar no que seguir mirando aos ollos das persoas.

Se neste Nadal temos a fortuna de poder compartir tempo cos nosos pais ou avós, levantemos a vista da pantalla e aprendamos deles. Esas conversas, esas testemuñas de cando o tempo pasaba a outra velocidade, poden axudarnos moito a entender e adaptarnos mellor ao noso mundo.

O pasado verán, incendios de enorme virulencia provocaron momentos de impotencia. En Galicia, en España e tamén noutros países. Inmediatamente puxémonos mans á obra de xeito que ningún dos afectados quedara sen axuda. Cómpre traballar todos a unha, para ter un monte máis produtivo e máis protexido. 

Seguimos crendo que os Gobernos están para gobernar, non para entreter e moito menos para indignar. Por iso somos previsibles e mañá, día 1 de xaneiro, entrarán en vigor os Orzamentos da Xunta para o ano 2026. Como debe ser.

Traballamos pensando en deixarlles ás nosas fillas e fillos unha Galicia mellor, non en facernos notar no medio do ruído. As mellores decisións non adoitan ser as máis impactantes e, ás veces, nin sequera son as máis populares.

Todos, cada un desde a súa responsabilidade, contribuímos a facer unha Galicia mellor, que non se pon límites nin teito, porque a experiencia nos ensina que sempre somos capaces de superalos.

Unha Galicia na que a vivenda non sexa un ben de luxo, senón unha condición indispensable para que cada quen poida construír a súa propia vida. Nesta lexislatura duplicaremos o parque público de vivenda, e, xa en 2026, teremos en marcha as 4.000 novas vivendas que pouco a pouco irán abrindo as súas portas e converténdose en fogares.

Trátase, especialmente, de crear novas vivendas que poidan acoller ás mozas e mozos que se emancipan ou ás máis de 44.000 persoas que chegaron neste ano a Galicia para facela o seu fogar.

Unha Galicia que aposta pola investigación e a innovación, que son os piares dun crecemento robusto. Cada ano investimos máis de 1.000 millóns de euros en I+G+i, a I+D+i galega, a que facemos aquí, porque contamos con científicos brillantes e queremos fichar moitos máis. Teremos aquí, en Galicia, o supercomputador público máis potente do sur de Europa e unha das seis novas fábricas de Intelixencia Artificial que vai haber no noso continente. Porque non é un relato de ciencia ficción: é a crónica da Galicia de hoxe.

Unha Galicia que presume e leva por todos os recunchos do mundo os nosos produtos, pero tamén todo un estilo de vida. Iso é o que chamamos, con orgullo, Galicia Calidade. Seguiremos alzando a voz, en todos os foros, contra ese proteccionismo comercial que pecha portas inxustamente e que castiga a quen o fai ben, coma os nosos produtores galegos. 

Unha Galicia que reúne todas as condicións para beneficiarse das oportunidades económicas do futuro. Os recursos, o talento e a estabilidade institucional alíanse para que poidamos converternos nunha das capitais da economía circular e das enerxías limpas. Cómpre actuar con intelixencia e con responsabilidade para que os novos sectores estratéxicos sigan a estela do téxtil, do agroalimentario e dunha automoción que, nun contexto difícil, non só aguanta, senón que se supera.

Encher a cesta da compra supón un esforzo cada vez maior para moitas familias, e non só no Nadal. Fronte a un custo da vida que non deixa de subir, debemos procurar que a nosa terra produza cada vez máis riqueza e que esta se reparta con xustiza entre as persoas que gañan o seu sustento co seu traballo. Tamén, por suposto, seguir protexendo aos que, pola  razón que sexa, necesitan a axuda de todos nós.

Moitas das inxustizas que sufría Galicia e que denunciou Castelao son, afortunadamente xa, un mal recordo do pasado. Para combater os agravios que aínda existen, Galicia dispón das súas propias institucións, fortes e cribles, que garanten que a nosa voz nunca xamais volva ser ignorada.

Na procura desa meta sumamos todos. Galicia non exclúe a ninguén cando se trata de construír o seu futuro. Con optimismo, con ambición, en positivo. Existe unha famosa estampa de Castelao que o explica á perfección: “Non lle poñades chatas á obra mentres non se remata. O que pense que vai mal que traballe nela, hai sitio para todos”.

Tamén é unha tarefa colectiva procurar que os nenos e adolescentes galegos crezan nunha contorna segura, saudable e con bos referentes. Galicia é líder na regulación das pantallas no eido educativo e na prohibición do consumo de bebidas enerxéticas a menores.

A educación é a ferramenta máis poderosa para garantir o avance do país e, por iso, non escatimaremos recursos para que as e os máis novos accedan a unha formación de excelencia, pública e gratuíta.

Traballamos para mellorar a convivencia en todas as aulas e desterrar calquera tipo de comportamento ou actitude reprobable para rematar co acoso escolar. 

Rematar con calquera clase de violencia, tamén, e moi especialmente, coa violencia contra as mulleres, unha lacra para o conxunto da sociedade.

Posuímos un sistema sanitario público avanzado, que ofrece o calendario vacinal máis completo do mundo, amplos programas de cribados e tratamentos punteiros na loita contra o cancro que eran impensables hai ben poucos anos. Seguir avanzando nesta senda é unha obriga irrenunciable.

Por suposto, como cada ano por estas datas, quero compartir unha mensaxe de afecto ás persoas que pasan estas celebracións en soidade, as que enfrontan problemas de saúde e ás que botan en falta a algún ser querido.  Tamén unha lembranza agarimosa para os nosos emigrantes que celebran estas festas lonxe da terra que levan sempre no corazón, como nós os levamos a eles.

Sempre, aínda cando as tebras parecen máis densas, hai unha luz de esperanza que nos guía para seguir avanzando, como avanzan os peregrinos que percorren os distintos Camiños de Santiago.

Deséxovos unha feliz entrada de ano e que teñamos un 2026 cheo de alegría, de benestar, de paz e de prosperidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/12/2025