A Xunta asiste á festa de fin de ano de Amicos e destaca os seus 25 anos de traballo en favor da plena inclusión das persoas con discapacidade intelectual

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, lembra que a Xunta financia 102 das prazas de atención da asociación cunha achega anual de máis de 2,2M€

Boiro (A Coruña), 31 de decembro de 2025

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participou esta mañá nas celebracións organizadas por Amicos para despedir o ano 2025. No acto, entre outras actividades, tivo lugar a celebración adiantada das badaladas de fin de ano, na que os residentes celebraron este momento acompañados polo persoal do centro.

Durante a celebración, a directora xeral puxo en valor os 25 anos de traballo desta entidade a favor da plena inclusión das persoas con discapacidade intelectual, dando servizo a máis dun cento de familias a través dos seus centros de día, ocupacionais, educativos e das súas residencias. Así, sinalou que o labor que desenvolven a través destes recursos é fundamental desde as idades temperás para contribuír a súa autonomía persoal. Nesta liña, a directora xeral lembrou que o Executivo galego financia 102 das prazas de atención da asociación Amicos na Barbanza cunha achega anual de máis de 2,2M€.

Ademais, Abeijón lembrou que a Xunta de Galicia inviste máis de 1,4M€ na ampliación da área da residencia, o que permitirá seguir incrementando os servizos da entidade. Neste sentido, puxo en valor os proxectos que están desenvolvendo para mellorar o benestar dos usuarios e que contan co apoio do Executivo galego a través das liñas de axuda con cargo ao 0,7% do IRPF.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/12/2025