A Xunta financia con máis de 30.000 euros a adquisición dun vehículo con plataforma elevadora para tarefas medioambientais no concello de Portas

Portas (Pontevedra), 9 de xaneiro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Portas, que acaba de adquirir un vehículo de segunda man con plataforma elevadora grazas a unha axuda da Xunta de 32.000 euros.

A axuda encádrase dentro da liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental e permitirá ao concello mellorar as súas labores de control e limpeza medioambientais. O delegado, acompañado polo alcalde de Portas, Ricardo Martínez, comprobou o bo estado do vehículo e destacou a importancia de manter unha colaboración estreita entre administracións para “facilitar o traballo dos concellos naqueles ámbitos onde máis o precisan”. Ademais, Reguera aproveitou para destacar o “gran compromiso da Xunta co coidado do medio ambiente”.

Cabe destacar que esta liña de axudas beneficiou a preto de 14 concellos da provincia de Pontevedra por un valor próximo aos 450.000 euros. 

FCA

O FCA foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial. As accións subvencionables inclúen os investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio.

Entre os obxectivos que deben perseguir figuran a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio natural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/01/2026