A Xunta colabora con máis de 270.000 euros do fondo adicional na mellora da eficiencia enerxética de instalacións municipais en cinco concellos de Ferrolterra
A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, informou da resolución do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local durante unha visita ao pavillón polideportivo municipal de Mañón onde se executou a substitución da súa cuberta con cargo a este convocatoria
Mañón (A Coruña), 12 de xaneiro de 2026
A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe o concello de Mañón, xunto co seu alcalde, Alfredo Dovale, para comprobar as melloras realizadas ao amparo do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, que contou cun apoio de 60.000 euros para levar a cabo a substitución da cuberta do pavillón polideportivo municipal.
Esta liña de colaboración, dotada con 5 millóns de euros, estivo destinada a financiar obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios de titularidade municipal destinados á prestación de servizos ou ao exercicio das súas competencias, con prioridade para as instalacións deportivas, educativas, sociais, sanitarias ou culturais e se dirixe a concellos cunha poboación inferior a 15.000 habitantes, por concorrencia competitiva.
Segundo explicou a delegada, no caso do concello de Mañón, a actuación consistiu na substitución da cuberta de chapa simple por unha cuberta sándwich con alma illante de 35mm de espesor así como a instalación de airexadores na cumieira, co obxectivo de aforrar e optimizar o uso da enerxía, tanto dende a óptica da mellora do medio ambiente como da redución do gasto.
Aneiros informou esta mañá da resolución da distribución deste fondo que permitiu a mellora da eficiencia enerxética de instalacións municipais en cinco concellos de Ferrolterra, cun importe total de máis de 270.000 euros. Ademais do concello de Mañón, tamén resultaron beneficiados os municipios de Cabanas, Cerdido, Monfero e San Sadurniño.
Colaboración cos concellos
O Fondo de Cooperación Local é un instrumento central de colaboración económica da Xunta coas entidades locais e ten como obxectivo garantir a suficiencia financeira dos concellos da comunidade, regulando un modelo estable de participación dos municipios nos orzamentos autonómicos. Nesta liña de acción, o fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local aportou 18,6 millóns de euros no período 2023-2025 para colaborar na mellora das infraestruturas municipais.