A conselleira visitou a factoría moañesa, onde se reuniu cos seus representantes
Villaverde destaca a aposta de Wofco pola innovación, a calidade e a sostibilidade
Continúa coa rolda de contactos que está a levar a cabo co tecido empresarial, pois esta entidade figura entre as tres primeiras pesqueiras de España
O encontro consolida o compromiso da Xunta coa industrialización, a creación de emprego e a promoción de boas prácticas no sector
Moaña (Pontevedra), 13 de xaneiro do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, visitou este martes as instalacións de Wofco (World Food Company), onde coñeceu, de primeira man, o seu modelo de negocio e procesos produtivos, baseados nunha clara aposta pola innovación, a calidade e a sostibilidade no sector da alimentación marítimo-pesqueira.
Con este encontro, Villaverde deu continuidade á rolda de contactos que está a levar a cabo co tecido empresarial que conforma a cadea mar-industria, abordando o seu papel estratéxico no desenvolvemento económico e a importancia da colaboración público-privada para impulsar un crecemento sostible.
Deste xeito, Villaverde e os representantes da factoría moañesa afondaron nas accións que a entidade empresarial está a levar a cabo en materia de transformación e comercialización dos produtos do mar, así como o seu compromiso coa economía local, a seguridade alimentaria e o respecto ao medio ambiente. Unha visita que, en palabras da conselleira, “reforza o compromiso da Consellería do Mar co desenvolvemento industrial, a creación de emprego e a promoción de boas prácticas no sector”.
Empresa punteira
Wofco é unha empresa galega con presencia internacional, que figura entre as tres primeiras pesqueiras de España. A titular de Mar felicitou á compañía viguesa apuntando que o seu proxecto empresarial “é o camiño para que a industria pesqueira sexa competitiva en termos de emprego, pero tamén desde a diversificación dunha actividade que garanta a soberanía alimentaria”. Un compromiso que a Consellería do Mar mantén e “polo que seguirá apostando, con apoio aos proxectos que revertan no sector”, subliñou.