A Xunta reforza a colaboración con Craega para impulsar a acuicultura ecolóxica e a valorización dos produtos do mar

Galicia consolídase como referente estatal na produción ecolóxica mariña, cun modelo baseado na calidade, a trazabilidade e a sustentabilidade

O convenio permitirá seguir apoiando o labor de certificación, asesoramento e promoción que desenvolve esta entidade

Lugo, 14 de xaneiro do 2026

A conselleira do Mar asinou hoxe un novo convenio de colaboración co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) co obxectivo de seguir reforzando o desenvolvemento da acuicultura ecolóxica e a valorización dos produtos do mar certificados en Galicia, nun contexto de crecente demanda de alimentos sostibles e de alta calidade.

A través deste acordo, a Xunta continúa apoiando o papel de Craega como entidade clave na certificación, control e promoción da produción ecolóxica, un ámbito no que Galicia ocupa unha posición de liderado a nivel estatal. Na actualidade, a comunidade concentra máis do 90 % das explotacións de acuicultura ecolóxica existentes en España, con producións destacadas como o mexillón e as algas ecolóxicas, que achegan valor engadido á cadea mar-industria e contribúen á diversificación económica das zonas costeiras.

A conselleira do Mar salientou que a acuicultura ecolóxica representa unha oportunidade estratéxica para o sector marítimo-pesqueiro galego, ao combinar a protección dos recursos mariños cunha maior diferenciación nos mercados. Neste sentido, puxo en valor a gran calidade das aguas de Galicia, monitorizadas de xeito pormenorizado polo Intecmar, que permiten certificar como ecolóxicos os produtos do mar, o que permite aumentar a confianza do consumidor e a apertura de novas canles comerciais.

O convenio permitirá continuar desenvolvendo accións de asesoramento técnico, divulgación e apoio aos operadores. Trátase, ademais, dun instrumento que contribúe a reforzar a competitividade da produción galega fronte a outros mercados, apostando por un modelo produtivo aliñado cos obxectivos europeos de sustentabilidade e economía azul.

Antecedentes

Este acordo dá continuidade á cooperación mantida nos últimos anos entre a Xunta e Craega, que permitiu impulsar a certificación ecolóxica no ámbito mariño, apoiar accións de promoción dos produtos do mar galegos e fortalecer un modelo de desenvolvemento baseado na sustentabilidade, a innovación e o valor engadido.

A colaboración coa entidade reguladora da produción ecolóxica contribúe a consolidar un segmento en crecemento, con capacidade para xerar emprego, fixar poboación no litoral e responder á demanda dun consumidor cada vez máis sensibilizado coa orixe, a calidade e o impacto ambiental da produción de alimentos.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 14/01/2026