Na inauguración da xornada Apoios á promoción comercial e internacionalización do sector mar-industria de Galicia no 2026
Villaverde destaca as políticas de promoción e mellora da comercialización da Xunta no acceso das empresas galegas a novos mercados
O novo paradigma é o resultado do esforzo inversor que a Consellería realiza en promoción e que no bienio 2026-2027 ascende a 11 M€
O estudo elaborado por Mar e Clusaga revela que este compromiso permitiu ás pemes asinar desde o 2023 máis de 1.800 novos contratos empresariais
Con case 2.800 M€, a industria transformadora acadou no 2024 un novo récord de exportacións, consolidando a Galicia como a 15 potencia exportadora mundial
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro do 2026.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou este xoves a xornada técnica Apoios á promoción comercial e internacionalización do sector mar-industria de Galicia no 2026, organizada pola Xunta, a través da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, en colaboración co Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), co fin de seguir establecendo alianzas que posibiliten ás empresas orientar a súa produción a novos modelos comerciais e a obter un maior retorno económico e recoñecemento social dos seus produtos.
Neste contexto, Villaverde destacou que o compromiso da Xunta está a ser decisivo no acceso do tecido empresarial aos Mercados Premium. Un novo paradigma que é o resultado do esforzo inversor que realiza a Xunta en materia de promoción, e que no bienio 2026-2027 se sitúa nos 11 millóns de euros.
Trátase dunha forte aposta que permitirá a difusión produtos do mar galegos en máis de 50 feiras internacionais (Seafood Expo North America, Tuto Food Milán, Expomar Cabo Verde) e nacionais (Seafood Expo Global Barcelona, Salón Gourmets Madrid, San Sebastián Gastronomika, Conxemar, Aquafuture Spain Vigo ou Expomar Burela), o que “nos permite, engadiu a conselleira, reforzar a visibilidade internacional da marca Galicia Calidade e consolidar á nosa comunidade como referente internacional en calidade, sustentabilidade e trazabilidade”.
Precisamente, a estratexia do Goberno galego permitiu que as pemes da cadea mar-industria presentes nestes foros establecesen desde o 2023 máis 15.500 contactos empresariais, o que derivou na sinatura de máis de 1.800 novos contratos.
Estes son algúns dos datos dados a coñecer no marco da xornada e que se extraen do estudo realizado con Clusaga para avaliar o grao de internacionalización do sector e os patróns de crecemento, así como identificar os retos estruturais, os mercados de destino e o deseño de políticas públicas que impulsen solucións adaptadas ás necesidades reais do sector.
Unha investigación que tamén revela, en primeiro lugar, que a industria transformadora acadou no 2024 -o último exercicio económico pechado- un novo récord de exportacións, ao alcanzar un volume de negocio de case 2.800 millóns de euros, o que supuxo un incremento do 3,22 %; segundo, que o 65,51 % de preparados e conservas de peixe e marisco, o 61,13 % de peixe conxelado ou o 59,77 % de moluscos de España proceden de Galicia, o que consolida á comunidade como a décimo quinta potencia exportadora mundial; terceiro, que o sector mantén o nivel de emprego existente: máis de 11.700 postos de traballo; e, cuarto, que os destinos exportadores máis destacados son por esta orde: Italia, Portugal, Francia, Alemaña, Estados Unidos, China, Marrocos e Croacia.
A xornada concluíu cunha mesa redonda na que participou unha ampla representación do tecido empresarial e contou coa asistencia duns setenta axentes da cadea mar-industria de Galicia, servindo como punto de encontro para analizar e afondar no contexto global actual onde a internacionalización é unha necesidade estratéxica.