Valentín García erixe a gastronomía tradicional galega como elemento identitiario do patrimonio inmaterial

O secretario xeral da Lingua presenta ‘De nais a fillas. Receitas para non esquecer’, “tributo ás mulleres gardiás de técnicas e saberes de séculos de historia”

A Estrada (Pontevedra), 22 de xaneiro de 2026

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, erixiu hoxe a gastronomía tradicional galega como “elemento identitario cultural que forma parte do patrimonio inmaterial de Galicia a conservar e difundir”. Fíxoo na presentación na Estrada do libro De nais a fillas. Receitas para non esquecer, “un fermoso e necesario libro colectivo, coordinado por Ana Cancela, en tributo ao traballo compartido e transmitido de xeración e xeración”, valorou.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude considerou necesario este tipo de publicacións “como xusto recoñecemento a esas mulleres que, ao longo da historia, foron as verdadeiras gardiás e creadoras da cociña galega tradicional”. Ao respecto, enxalzou o seu labor por “preservar e transmitir un saber culinario que hoxe é patrimonio da nosa cultura”.

Valentín García incidiu tamén en como estas receitas recollen “técnicas, costumes e saberes con séculos de historia e que, grazas aos coñecementos compartidos destas mulleres sobreviviron de xeración en xeración”. Neste senso, considerou esta transmisión cultural “como unha imprescindible ponte entre o pasado e o presente, que publicacións como estas logran estender ata o futuro e garantir a permanencia no tempo dun patrimonio propio e identitario sempre a preservar”, celebrou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/01/2026