Fabiola García e o alcalde das Neves avalían novas vías de colaboración para seguir impulsando os servizos sociais deste concello
A conselleira de Política Social e Igualdade lembrou que o Goberno galego inviste preto de 500.000 euros no Bono coidado no fogar que conta con 96 usuarios neste municipio
Así mesmo, explicou que a Administración autonómica financia con máis de 96.000 euros a gratuidade da educación 0-3 na escola infantil
Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, reuníronse para avaliar novas vías de colaboración entre ambas administracións para seguir impulsando os servizos sociais deste concello, especialmente na atención aos maiores e á infancia.
Durante a xuntanza, Fabiola García explicou ao alcalde o compromiso do Goberno galego coa atención as persoas maiores e a súa aposta por un modelo no que poidan escoller o lugar no que pasar esa etapa das súas vidas. Neste sentido, lembrou que no concello das Neves hai 96 usuarios do Bono coidado no fogar, unha prestación económica impulsada pola Xunta para aquelas persoas que queren ser atendidas nas súas casas e polos seus achegados e que supón un investimento de preto de 500.000 euros.
Así mesmo, indicou que a Administración autonómica inviste máis de 96.000 euros ao ano para financiar a gratuidade da educación 0-3 no concello das Neves. Grazas a esta achega, as 20 prazas da escola infantil son 100% de balde para as familias, unha medida que se aplica por cuarto ano consecutivo e que lles supón un aforro de 3.000 euros anuais.
En definitiva, Fabiola García trasladou o compromiso da Xunta para seguir mellorando todos os servizos sociais deste concello, dándolle oportunidade ás familias de asentarse no rural e poñendo a súa disposición os recursos necesarios para facilitar a súa conciliación.