A Xunta afea ao Goberno central a súa deslealdade ao anunciar novas prazas xudiciais sen consultar á comunidade e considera que son insuficientes para Galicia
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, critica que, das 500 prazas anunciadas para reforzar tribunais de instancia e outros órganos como as audiencias provinciais, só 19 se destinen á comunidade
Considera unha “tomadura de pelo” este modo de actuar do Goberno e insistiu en que “non compartimos en absoluto este modo de traballar”
O Goberno galego bota en falta que non se cree ningunha praza en tribunais de instancia de localidades como Vilagarcía, Viveiro, Carballo ou Sarria e tampouco na sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, así como para paliar a carga de traballo da Audiencia de Pontevedra en Vigo ou do xulgado do Mercantil, tamén na cidade viguesa
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2026
A Xunta lamenta a deslealdade do Goberno Central, ao avanzar na tramitación dun proxecto de Real Decreto para crear 500 novas unidades xudiciais este ano co obxectivo de reforzar os tribunais de instancia en España e outros órganos como as audiencias provinciais sen consultar coa comunidade. Nesta liña, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, incide en que o Ministerio debería avanzar neste proxecto de Real Decreto, tendo en conta as necesidades das comunidades. De feito, hoxe, un día despois de que o Goberno difundise aos medios o seu comunicado, a Xunta recibiu unha comunicación oficial do Ministerio solicitando información ás autonomías. Por iso, considera unha “tomadura de pelo” este modo de actuar do Goberno e insiste en que “non compartimos en absoluto este modo de traballar e así llo trasladaremos”.
No caso de Galicia, cómpre lembrar que, a Xunta, no marco da Comisión Mixta de Xustiza xunto co Tribunal Superior de Xustiza (TSXG), comunica cada ano ao Goberno central as unidades xudiciais que considera necesarias para a comunidade.
O conselleiro de Xustiza sinala que, da información que se deu a coñecer, o reforzo é “insuficiente”, xa que das 500 prazas que se pretenden crear só se destinan 19 para reforzar os tribunais de instancia e audiencias provinciais en Galicia, o que representaría menos dun 4% e, ademais, para nada se corresponden coa proporción da poboación. Nesta liña, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes bota en falta que non se cree ningunha praza en localidades como Vilagarcía de Arousa, Viveiro, Carballo ou Sarria para paliar a carga de traballo nos antigos xulgados de Primeira Instancia e Instrución que, coa Lei estatal de eficiencia xudicial, se transformaron en tribunais de instancia de seccións civís e de instrución.
Ademais, a Xunta lamenta que tampouco se crease ningunha praza na sala do Social do TSXG nin na sección 6ª da Audiencia de Pontevedra en Vigo, unha das que máis colapso está a rexistrar. O mesmo ocorre -advirte o conselleiro - no xulgado do Mercantil de Vigo, polo que sorprende que, pese a contar cun módulo de entrada moi superior á media, o Ministerio non cree unha segunda praza. Neste senso, o Goberno galego considera insuficientes tamén que das 50 prazas de adscrición territorial “só dúas se concedan a Galicia”.
Por outra parte, Diego Calvo destaca que, tal e como demandaba a Xunta en reiteradas ocasións, o Goberno central decidiu “rectificar o seu erro de crear dúas novas prazas o ano pasado nos xulgados de Violencia sobre a Muller de Vigo e A Coruña a costa de eliminar dúas de instrución”. Agora, o Ministerio anuncia novas prazas de instrución en ambas cidades, se ben, esta corrección xa non é suficiente para reparar os prexuízos causados. Así, explica que coa reconversión dos xulgados de instrución en Violencia sobre a Muller, estes adquiriron os expedientes do órgano reconvertido e, polo tanto, xa comezaron colapsados e os dous que se crean agora non teñen expedientes.
O conselleiro de Xustiza advirte de que cada vez se fai máis necesario o incremento de xuíces en Galicia porque isto, sumado ao incremento da litixiosidade, atrasa os sinalamentos das vistas. De todas formas, o Goberno galego, dentro das súas competencias segue a reforzar con persoal as oficinas xudiciais, pero non é unha medida que solucione o atasco, senón que axuda de maneira conxuntural. Ademais, cómpre destacar que o Goberno galego acepta as unidades xudiciais concedidas polo Ministerio e traballa para poñelas en funcionamento o antes posible.