A Xunta esíxelle ao Goberno central a celebración da Conferencia Sectorial de Transportes para abordar asuntos como o billete unico ou as incidencias da rede ferroviaria
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, participa hoxe en Madrid na Comisión de Directores Xerais de Transporte do Estado e das Comunidades Autónomas
O Goberno galego lamenta que se recorra á imposición das medidas e non se informe nin se busque consenso coas comunidades autónomas de propostas relevantes para os distintos territorios
Madrid, 29 de xaneiro de 2026
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, participou hoxe en Madrid na Comisión de Directores Xerais de Transporte do Estado e das Comunidades Autónomas, onde insistiu na demanda de que se celebre a Conferencia Sectorial de Transportes para abordar as cuestións de relevancia que afectan ás comunidades autónomas. Nesta liña, referiuse ao billete único, ao estado das infraestruturas ferroviarias ou ao mapa concesional de transporte de viaxeiros por estrada.
No relativo ao billete único, Judit Fontela destacou a falta de coordinación por parte do Goberno central coas restantes administracións competentes en transporte, xa que a medida se deseñou de costas a elas. “Estas administracións non participaron no deseño nin tiveron acceso aos estudos técnicos que supostamente avalan a fixación do prezo ou a viabilidade económica da medida”, apuntou.
Para a directora xeral, sen este marco de coordinación e corresponsabilidade, existe o risco de que se xeren “desequilibrios financeiros entre administracións, tensións na prestación de servizos e, en última instancia, unha integración incompleta que reduza de xeito significativo os beneficios da medida para as persoas usuarias e para o sistema de transporte no seu conxunto”. Ante esta preocupación a Xunta xa solicitara información ao Ministerio, recibindo como única resposta o agradecemento polo interese no programa de abono único.
En canto ao estado dos servizos ferroviarios, Judit Fontela lembrou que a Xunta leva tempo denunciando o abandono por parte do Goberno central aos territorios do noroeste ibérico en infraestruturas e conectividade, así como as constantes incidencias rexistradas na rede galega. O novo mapa concesional de transporte de viaxeiros por estrada é outro exemplo de imposición unilateral, falta de diálogo e de análise da realidade e das necesidades das comunidades. Por este motivo, desde Galicia se segue demandando que se aborde na Conferencia Sectorial de Transportes, xa que é o espazo para debater un modelo coordinado e eficiente que atenda ás demandas de mobilidade en todo o territorio e, sobre todo, no rural, sen penalizar a ninguén.
Por outra banda, na xuntanza de hoxe o Goberno central informou sobre a modificación do decreto que regula o Certificado de Aptitude Profesional (CAP) en canto á posibilidade de impartir a formación a través de aula virtual. Nesta liña, Judit Fontela puxo de manifesto que as alegacións formuladas pola Xunta, consensuadas co sector galego, para reducir as horas en liña non foron atendidas polo Ministerio. Para a directora xeral e o sector galego, a flexibilización excesiva da aula virtual na que se insiste coa modificación afecta á calidade da formación e pode incrementar o fraude.