Rueda anuncia que a Xunta avanza na futura Lei de administración local para dotar aos concellos dun novo marco xurídico adaptado ás súas necesidades
O Consello autoriza someter á audiencia e información pública o anteproxecto co fin de remitilo ao Parlamento galego no segundo trimestre deste ano
Destaca que, con esta reforma integral da normativa, Galicia contará “coa lei máis completa e actual do Estado”
O obxectivo é modernizar o marco local, simplificar a burocracia e fomentar a cooperación entre administracións
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, salienta o novo modelo de financiación local que terá en conta criterios coma “a dispersión ou o envellecemento da poboación”
Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello autorizou o inicio do trámite de audiencia e de información pública do anteproxecto da Lei de Administración local de Galicia co obxectivo de “adaptar esta normativa aos cambios lexislativos, tecnolóxicos e sociais” das últimas décadas e poder remitir o texto ao Parlamento galego no segundo trimestre deste ano.
O Goberno galego pretende levar a cabo unha reforma da norma despois de case 30 anos de vixencia que converterá Galicia en referente estatal ao adaptar a normativa á realidade demográfica galega actual e dotar as entidades locais dun novo marco normativo autonómico adaptado ás súas necesidades e ás da súa veciñanza.
“Imos ter a lei máis completa e actual do Estado”, indicou Rueda. Nesta liña, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, resaltou que “Galicia vai ser a primeira comunidade en abordar de forma integral nunha única norma unha reforma de todas as dimensións da Administración local contemporánea” e sinalou que a comunidade marca o camiño cara “unha administración máis innovadora, eficiente, dixital e adaptada ás necesidade do século XXI”.
O texto deste anteproxecto será sometido á exposición pública e, entre outros obxectivos, pretende modernizar o marco local, simplificar a burocracia ou introducir as tendencias e vangardas normativas relacionadas coa administración dixital e a interoperabilidade, a transparencia e o Goberno aberto, a planificación e a avaliación de políticas públicas e a cooperación multinivel efectiva.
Tamén mellora o sistema de repartición de competencias e regula con maior claridade as competencias propias, as delegadas e as distintas das propias ou atribuídas por delegación.
Outra das novidades é a incorporación de fórmulas innovadoras de colaboración e cooperación para o exercicio das competencias municipais, como é o caso das áreas funcionais de carácter temporal, que permitirán a agrupación de municipios para facilitar a prestación de servizos conxuntos ou o desenvolvemento de actuacións de interese común.
Nesta liña, o anteproxecto recolle ademais o reforzo do papel das deputacións provinciais como garantes da autonomía municipal e da correcta prestación dos servizos públicos municipais en exercicio das súas competencias de coordinación e de asistencia aos municipios, sobre todo aos que se atopen no reto demográfico e aos que dispoñan de recursos limitados.
Do mesmo xeito, en relación coas mancomunidades de municipios, aposta claramente por estas figuras, fomentando o asociacionismo municipal coa finalidade de lograr unha mellora na calidade da prestación dos servizos públicos.
No que se refire aos municipios que se atopen en situación do reto demográfico aborda este concepto e, segundo explicou Rueda, “establece un réxime especial” con medidas tendentes a reforzar a capacidade destes concellos, tanto desde o punto de vista de financiamento como asistencial.
Ademais, en canto ao financiamento local, Calvo explicou que a nova norma abordará un novo sistema que integrará, entre outras cuestións, “criterios de dispersión e envellecemento da poboación”.
A nova Lei de Administración local de Galicia estrutúrase nun título preliminar e nove títulos específicos –competencias das entidades locais territoriais, do municipio, organización dos municipios, a provincia, outras entidades locais, disposicións comúns ás entidades locais, fórmulas de cooperación e colaboración, goberno aberto e, por último, facenda e financiamento local-, así como catro disposicións adicionais, unha transitoria, unha derrogatoria e dúas derradeiras.