A Xunta realiza labores de conservación fluvial en máis dun quilómetro no río Ventoxo, no concello pontevedrés de Forcarei
As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante máis de tres semanas e inclúen a retirada de árbores caídas das canles fluviais para evitar atoamentos
Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2026
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial en máis dun quilómetro do río Ventoxo, no concello pontevedrés de Forcarei.
As tarefas, que xa foron comunicadas ao concello, desenvolveranse nun tramo de algo máis de 1,1 quilómetros deste río, ao seu paso pola parroquia de San Nicolao de Ventoxo.
Os traballos, que se prolongarán durante máis de tres semanas, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos e tamén rozas puntuais e selectivas nos accesos á canle. As actuacións realizaranse coa aplicación de motoserras, rozadoiras, podadoras e outras ferramentas manuais, que contarán co apoio de maquinaria de maiores dimensións como un tractor, un camión ou unha carretilla de carga.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección.
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.