Reguera felicita aos voluntarios da Protección civil polo seu traballo durante estas semanas de especial actividade
O delegado territorial destacou o compromiso, a profesionalidade e a entrega dos voluntarios, especialmente durante as últimas semanas marcadas polo temporal
Pontevedra, 6 de febreiro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a base da Agrupación de Protección Civil de Pontevedra, onde trasladou persoalmente o seu agradecemento e felicitación polo traballo voluntario, constante e incansable que desenvolven ao longo de todo o ano, e moi especialmente durante as últimas semanas, nas que as condicións meteorolóxicas adversas esixiron un esforzo extraordinario.
Durante a visita, Agustín Reguera destacou a entrega, profesionalidade e espírito de servizo público dos integrantes da agrupación, subliñando que o seu labor resulta fundamental para garantir a seguridade da cidadanía, tanto na atención a emerxencias como nas tarefas preventivas, de apoio loxístico e de colaboración con outros corpos de seguridade.
Finalmente, Reguera reiterou o compromiso da Xunta de Galicia co apoio ás agrupacións de Protección Civil, recoñecendo o seu papel esencial dentro do sistema de emerxencias e incidindo na importancia de seguir reforzando os medios, a formación e os recursos ao dispor destes colectivos.