A Xunta concede preto de 200 axudas para a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida, de baixas emisións ou eléctricos
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria de 2025, que supuxo un investimento de case 500.00 euros
As subvencións concedidas foron de ata 1.000 euros para os taxis de baixas emisións, 4.000 euros para vehículos de emisións cero e 10.000 euros para taxis adaptados
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2026
A Xunta concedeu no último ano 180 axudas ao sector do taxi para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida, vehículos de baixas ou cero emisións, cun investimento de 498.000 euros. Así se recolle na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), coa listaxe dos beneficiarios destas axudas concedidas para a adquisición destes vehículos, no marco da convocatoria de 2025.
As subvencións son de ata 1.000 euros para os taxis de baixas emisións, 4.000 euros no caso de vehículos de emisións cero e 10.000 euros para coches adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida. En concreto, nesta convocatoria as axudas ao sector do taxi facilitaron a compra de 134 taxis de baixas emisións, de 15 vehículos de emisións cero e de 31 vehículos adaptados a mobilidade reducida.
A medida vai dirixida ás persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou os servizos de Mobilidade competentes.
No caso das liñas de taxi de CERO emisións e ECO, a orde axudas cubre a adquisición de vehículos realizada desde o 1 de maio de 2024 ata a data límite para xustificar a axuda, o 31 de outubro de 2025. Para a liña Eurotaxi, subvenciónanse tanto os vehículos xa adquiridos en calquera momento, co compromiso de manter a titularidade e a actividade ao menos cinco anos, como os que se adquiran con posterioridade á presentación da solicitude e á data límite para xustificar a axuda.
O Goberno galego apoia desde hai anos aos profesionais do taxi, un sector que en Galicia conta con máis de 3.600 licenzas, dando emprego a milleiros de familias, e presta un servizo esencial. Nesta liña, a Xunta leva investido desde 2016 máis de seis millóns de euros nestes incentivos, cos que tamén se quere contribuír a garantir unha mobilidade accesible e sostible no transporte público.