Belén do Campo reúnese con asociación galega de actividades náuticas AGAN+ para coñecer os seus proxectos
Belén do Campo destacou que AGAN+ é unha asociación sen ánimo de lucro que agrupa profesionais, persoas afeccionadas á náutica e empresas do sector, cunha traxectoria de máis de 25 anos dedicada á promoción da náutica galega como produto turístico de calidade
A Coruña, 12 de febreiro de 2026
A delegada da Xunta, Belén do Campo, mantivo unha reunión cos representantes da Asociación Galega de Actividades Náuticas AGAN+, co obxectivo de coñecer de primeira man os proxectos que a entidade está a desenvolver e que foron presentados recentemente no marco de FITUR 2026. No encontro avaliaron posibles propostas que se pudieran desenvolver na provincia da Coruña neste ámbito.
No encontro participaron o presidente de AGAN+, Manuel Soliño Bermúdez; o vicepresidente, José Manuel Fernández Gómez; e a técnica de proxectos europeos, Elena Fernández Antonio. Durante a reunión, expuxéronse as principais liñas de traballo da asociación, así como a súa evolución nos últimos anos e a súa proxección a nivel estatal e internacional.
AGAN+ é unha asociación sen ánimo de lucro que agrupa profesionais, persoas afeccionadas á náutica e empresas do sector, cunha traxectoria de máis de 25 anos dedicada á promoción da náutica galega como produto turístico de calidade. Ao longo deste tempo, a entidade consolidouse como un referente grazas a un modelo baseado na competitividade, a accesibilidade, a sustentabilidade e a proxección global.
Un dos eixos centrais do seu traballo é a Rede de Cruceiros Costeiros e Fluviais (RED CCF), un proxecto que se consolidou como unha iniciativa de éxito a nivel nacional e que se converteu na base da expansión ibérica e internacional da asociación. Actualmente, a rede conecta 11 comunidades autónomas e 20 destinos náuticos en España, ofrecendo máis de 60 experiencias certificadas, apoiadas nunha metodoloxía centrada na dixitalización, a sustentabilidade e a vertebración territorial, impulsada pola colaboración público-privada e polos fondos Next Generation.
No ámbito da cooperación internacional, destaca tamén o inicio da expansión de AGAN+ en Latinoamérica, así como o desenvolvemento da Rede CIFT (Rede de Cruceiros Ibéricos Fluviais Transfronteirizos), que une España e Portugal a través dos ríos Miño, Limia, Douro, Texo e Guadiana. Este proxecto foi recoñecido en FITUR co Recoñecemento Especial á Cooperación Turística Internacional 2025, outorgado por ASICOTUR, pola súa capacidade para impulsar o desenvolvemento socioeconómico nas zonas ribeiregas.
A delegada da Xunta na Coruña puxo en valor o traballo que realiza AGAN+ na promoción dun turismo azul sostible, innovador e inclusivo, así como a importancia de iniciativas que fortalecen a posición de Galicia como referente náutico a nivel nacional e internacional, ao tempo que fomentan a cooperación territorial e transfronteiriza.