Sanxenxo mellora o acceso á praia de Canelas grazas a unha axuda da Xunta de 24.000 euros

A nova pasarela de madeira está elevada para permitir un maior coidado das dunas

Tamén se instalou unha nova iluminación LED

Sanxenxo (Pontevedra), 23 de febreiro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a praia de Canelas,  xunto ao alcalde e Sanxenxo, Telmo Martín, onde se instalou unha nova pasarela de acceso elevada de madeira grazas a unha axuda da Xunta de preto de 24.000 euros.

A axuda encádrase dentro da liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental e permitirá unha maior conservación das dunas, ao abrir un acceso peonil permanente e elevado, que limita a interferencia humana nesta parte do areal.

O Delegado territorial destacou a importancia de manter liñas de colaboración cos concellos e asegurou que a obra “elixida polo concello de Sanxenxo foi un acerto ao apostar pola conservación dus espazo fermosísimo e de gran riqueza natural”

A actuación consistiu na instalación dun total de 50 metros de pasarela, entre a que permite o acceso á praia e o desvía cara os cuartos de baño públicos.  Ademais, instalouse un novo alumeado con tiras LED ancoradas a postes de 50 centímetros de alto.

Cabe destacar que esta liña de axudas beneficiou a preto de 14 concellos da provincia de Pontevedra por un valor próximo aos 450.000 euros.  

FCA

O FCA foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial. As accións subvencionables inclúen os investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio.

Entre os obxectivos que deben perseguir figuran a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio natural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/02/2026