Javier Arias entrega na residencia de maiores das Gándaras a modificación do proxecto da reforma que se está a executar no centro
O delegado territorial trasladou á dirección da residencia o documento cos axustes que se introduciron para garantir a intimidade nas habitacións, co fin de que o poidan consultar residentes e traballadores
Lugo, 25 de febreiro de 2026
O delegado territorial en Lugo, Javier Arias, confirmou hoxe que a Xunta modificou xa formalmente o proxecto de reforma da residencia das Gándaras, introducindo axustes na distribución das habitacións dobres. Arias visitou o centro para facer entrega do documento, que quedará a disposición de usuarios e traballadores.
O delegado lembrou que o Goberno galego traballou nas últimas semanas cos arquitectos redactores do proxecto na procura da mellor solución para, “introducindo pequenas modificacións, garantir a privacidade nas habitacións dobres, que era a principal preocupación dos residentes”.
Froito dese traballo conxunto, apostouse finalmente pola alternativa que o propio delegado territorial presentou o pasado luns aos residentes das Gándaras, e que consiste en manter unha separación clara entre as camas -similar á que existe actualmente- para garantir a intimidade e o benestar tanto dos usuarios como das súas familias. Este novo deseño -formalizado agora xa no proxecto- permite garantir a intimidade e, ao mesmo tempo, cumpre os estándares da normativa estatal en materia de seguridade e accesibilidade.
A Xunta inviste 8 millóns de euros na reforma da residencia de maiores das Gándaras, que busca adaptar o centro á normativa de seguridade e accesibilidade vixente, e incrementar o confort dos usuarios. Ademais dos cambios nas habitacións, a intervención contempla tamén a ampliación das zonas comúns, como corredores e salas polivalentes, e o acondicionamento dun comedor en cada planta de habitacións -da cuarta á oitava-, de forma que cada andar poida funcionar con certa autonomía.
Segundo destacou Arias, a residencia das Gándaras “ofrecerá así maior seguridade e comodidade, tanto para usuarios como para traballadores, e manterase como un referente no coidado ao nosos maiores”.