Galicia aposta pola estabilidade, a fiabilidade e o rigor para atraer talento e investimento

Miguel Corgos participou no acto de presentación da nova dirección rexional de Mapfre en Galicia

O conselleiro de Facenda e Administración Pública anima ao sector a seguir crecendo e apostando polo desenvolvemento da Comunidade galega

A Coruña, 26 de febreiro de 2026

Galicia aposta pola estabilidade, a fiabilidade e o rigor para atraer talento e investimento á Comunidade. Así o afirmou hoxe o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, durante o acto de presentación da nova dirección rexional de Mapfre en Galicia, onde animou tamén ao sector a seguir crecendo e apostando polo desenvolvemento da Comunidade.

O conselleiro de Facenda puxo en valor a planificación coa que traballa o Goberno galego que “nos permite deseñar o noso proxecto” tanto a curto, como a medio e longo prazo, como se recolle no Plan Estratéxico de Galicia 2030. Para Corgos, ese traballo común da sociedade galega co apoio da Xunta permite a Galicia ser un exemplo de “solvencia, cun crecemento económico sostido, cada vez máis persoas traballando, cun endebedamento controlado e cunha política fiscal competitiva.”

Retos do sector dos seguros

Corgos referiuse aos retos aos que se enfronta o sector en 2026, impulsados en gran medida pola dixitalización acelerada, a intelixencia artificial xenerativa, os novos riscos asociados ao cambio climático ou a necesidade da sustentabilidade.

“Sen dúbida, todas estas tendencias obrigan ás aseguradoras a redefinir a súa cadea de valor”, dixo, incidindo na necesidade de estar aínda máis preto dos clientes e ofrecerlles solucións máis personalizadas e efectivas.

Nesta liña, o conselleiro de Facenda aproveitou o acto para agradecer a Mapfre a súa aposta por Galicia reflectida nas máis de 200 oficinas coas que conta na comunidade e nos preto de 420.000 clientes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/02/2026