O delegado territorial, Javier Arias, comprobou hoxe varias actuacións realizadas co apoio da Dirección Xeral de Administración Local
A Xunta investiu 211.000 euros en Carballedo para mellorar a eficiencia enerxética da Casa do Concello, da Casa da Cultura e doutros espazos públicos
Arias destaca que xa se convocaron as axudas do Fondo de Compensación Ambiental do 2026, dotadas con 11,4 millóns de euros, que as entidades locais poden solicitar ata o 6 de marzo
Carballedo (Lugo), 27 de febreiro de 2026
A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes investiu 211.000 euros en diversas actuacións no municipio de Carballedo a través das últimas ordes de axudas a concellos para mellorar infraestruturas municipais.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e o alcalde, Julio Yebra, comprobaron hoxe o resultado das obras executadas na Casa do Concello e edificio multiusos, que contaron cunha achega autonómica de 117.500 euros no marco da orde plurianual de axudas para mellorar a eficiencia enerxética en instalacións públicas, cofinanciada con fondos Feder.
As intervencións máis destacadas recollidas no proxecto foron a renovación das carpinterías exteriores, nova climatización e a substitución de luminarias por outras con tecnoloxía LED.
Tamén visitaron os traballos de mellora da eficiencia enerxética da Casa da Cultura e do campo de fútbol, realizados cun apoio de 51.500 euros ao abeiro do Fondo Adicional ao Fondo de Cooperación Local do 2025. Na Casa da Cultura instalouse un sistema de calefacción e climatización mediante bomba de calor na planta alta; e na área deportiva cambiouse a iluminación por un sistema LED.
Así mesmo, con cargo á liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) do ano pasado destináronse 30.000 euros a modernizar instalacións de alumeado público municipal, cambiando os antigos equipos por luminarias LED de alta eficiencia. Ademais, dentro da liña non competitiva do FCA concedéronse 12.300 euros para mellorar a iluminación do lugar de Vilar do Monte, na parroquia de Aguada.
Convocado o FCA 2026
Arias destacou que a Xunta ten aberto o prazo de solicitudes das axudas do Fondo de Compensación Ambiental do 2026, dotado cun orzamento de máis de 11,4 millóns de euros.
Os concellos poden pedir as achegas ata o 6 de marzo, co obxecto de impulsar accións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do medio ambiente e o reequilibrio territorial.