No seu compromiso coa cidade como elemento fundamental do turismo en Galicia
A Xunta destinou máis de 7 M€ en 2025 á seguridade, xestión de fluxos, promoción e xeración de oferta turística complementaria na cidade de Santiago
Turismo de Galicia xestiona, controla e financia a seguridade e o mantemento dos dous centros de maior atracción turística da capital de Galicia como son a Catedral e Centro de Acollida de Peregrinos
A baixada de turistas rexistrada nos últimos meses non se pode achacar só á retirada de Ryanair, xa que se contabilizaron descensos a partir do mes de xullo de 2025
Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2026
A Xunta de Galicia vén de destinar en 2025 máis de 7M€ a distintas actuacións en materia turística como son a seguridade e xestión de fluxos do maior punto de atracción turística de Galicia como é a Catedral de Santiago de Compostela, a recepción e acollida nesta cidade dos milleiros de peregrinos que acaban a súa experiencia na capital de Galicia e que o pasado ano superaron o medio millón, así como á promoción e xeración de oferta complementaria patrocinando eventos de distinta índole que se celebraron en Santiago de Compostela.
Turismo de Galicia participa amplamente no financiamento da seguridade, mantemento, ordenación e fluxos de peregrinos na capital de Galicia asumindo mediante convenio, os gastos dos dous grandes lugares máis concorridos como é a Catedral de Santiago e tamén o Centro Internacional de Acollida de Peregrinos. Estas colaboracións supoñen un investimento de 1,38M€.
A Xunta traballa tamén no control de fluxos turísticos aplicando a intelixencia artificial a través da instalación de sensores no Monte do Gozo e tamén na Praza do Obradoiro para obter información axustada á realidade sobre a chegada de peregrinos á cidade compostelá.
Ademais, Turismo de Galicia desenvolve unha campaña anual de promoción do destino no que o Santiago de Compostela, como meta do Camiño, ten un especial protagonismo, do mesmo que tamén ocorre na estratexia de promoción internacional que desenvolve cada ano.
Por outra banda, a Xunta está a investir 1M€ na execución do plan de sostibilidade turística de destino na cidade de Santiago de Compostela que supón importantes melloras para os recursos turísticos locais e pola tanto para a oferta turística de Galicia a partir da súa capital. Do mesmo xeito, tamén promociona a oferta turística da cidade apoiando celebracións como a Semana Santa ou as Festas do Apóstolo e este mesmo ano, Turismo de Galicia leva á Santiago unha exposición da camelia, un recurso que converterá a meta do Camiño no epicentro do cultivo desta flor.
Finalmente, Turismo de Galicia investiu máis de 4,2M€ no patrocinio de distintos eventos de carácter musical, deportivo e gastronómico que se celebraron exclusivamente na cidade de Compostela e que trouxeron rendibilidade ao sector e tamén impacto positivo sobre a economía local. Concretamente, en xuño, a Xunta de Galicia impulsou o festival O Son do Camiño cunha repercusión directa nas cifras de viaxeiros e noites na cidade. Superáronse os 100.000 viaxeiros, cun crecemento do 10% e un incremento do 5% en noites. A esta cantidade hai que sumar outras de eventos que reparten a súa acción en varias cidades do territorio galego. En todo caso, esta programación incide no reforzo da oferta complementaria da capital de Galicia.
En relación aos datos turísticos dos últimos meses, Turismo de Galicia comparte co sector a preocupación polas cifras de baixada en número de turistas que indican que Santiago de Compostela é a segunda cidade con maior descenso no número de viaxeiros en 2025 (-2,3%); en xaneiro de 2026, a baixada en viaxeiros foi do -23,7% e en noites do -26,10%. Neste sentido, non cabe xustificar dita baixada só pola retirada de Ryanair, realizada a partir de outubro, xa que se viñan rexistrando descensos en xullo (-4,4%), agosto (-7,5%), setembro (-9,7%) e outubro (-5,3%).