Villaverde continúa con Veraguas a rolda de contactos co sector

Santiago de Compostela, 8 de marzo do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, dá continuidade aos encontros institucionais cos distintos elos do sector, co fin de coñecer as súas necesidades e de estudar posibles vías de colaboración que afonden no seu impulso en termos de competitividade e de emprego.

Desta volta, Villaverde reuniuse con representantes de Veraguas, no marco dun encontro no que tamén participou a Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela (OPP-7), e no que a empresa, liderada por mulleres, presentou á conselleira o proxecto de construcción do Ventura. Trátase do primeiro buque español con motor híbrido e deseñado para unha pesca más sostible, segura e confortable, e que sitúa a Galicia á vangarda na descarbonización da frota; un proceso que, segundo destacou a conselleira, depende de como o novo Marco Financieiro Plurianual financie a transición e de se a futura Política Pesqueira Común (PPC) permite usar eses fondos europeos para renovar ou modernizar os buques.

A conselleira escoitou as demandas trasladadas e comprometeuse a continuar traballando de maneira coordinada para defender os intereses da frota galega ante as Administracións competentes, así como para garantir estabilidade normativa e seguridade xurídica que aseguren a viabilidade económica das embarcacións.

A representante autonómica destacou a importancia do diálogo permanente co sector pesqueiro e reafirmou o compromiso da Consellería coa defensa dunha xestión sostible dos recursos mariños que permita compatibilizar actividade económica e conservación.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 07/03/2026