A Xunta aumentou en máis de 3.000 M€ o gasto social nos últimos seis anos
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, resaltou que o incremento do investimento nesta materia foi do 41,3 %
Recordou que o reforzo do gasto social e o esforzo investidor compatibilízase cun endebedamento responsable que permite manter a solvencia da Comunidade
Incidiu en que Galicia precisa un mellor financiamento, que non achega a proposta de reforma do SFA anunciada polo Goberno central
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2026
O Goberno galego aumentou en máis de 3.000 millóns de euros o gasto en sanidade, educación e políticas sociais nos últimos seis anos. Así o puxo de manifesto hoxe o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos.
Durante unha rolda de prensa para falar sobre o desempeño fiscal da comunidade, Miguel Corgos destacou a aposta do Goberno galego polo reforzo continuo do gasto social, cun incremento do investimento nesta materia, nestes seis anos, do 41,3 %. Así, segundo precisou, a incremento en sanidade é do 41,4 % e ascende aos 1.729 M€; a 708 M€ en educación, case un 30% máis; e a 584 M€ en políticas sociais, cun incremento do 78,7 %.
“Levamos seis anos cun mellor desempeño fiscal comparativo, cun déficit dun 0,1 % de media anual neste período, cinco veces inferior á media (0,5 %); completamos a consolidación fiscal e xa levamos dous anos sen déficit”, engadiu, subliñando que a sustentabilidade financeira permite tamén á Comunidade seguir reforzando o investimento produtivo. Non en van, en seis anos, a Administración galega aumentou en 788 millóns de euros o investimento, cun incremento do 66 %, o que permite que, ano a ano, Galicia lidere o esforzo investidor entre as CC.AA.
Miguel Corgos sinalou tamén que a Xunta cumpre as regras fiscais e executa os orzamentos, “a totalidade dos fondos propios, mesmo por riba do 100% de media nos últimos anos”.
Ao longo da súa intervención, recordou que este esforzo do gasto social e o esforzo investidor compatibilízase cun endebedamento responsable que permite manter a solvencia da comunidade. “Ao peche de 2025, xa conseguimos reducir a ratio débeda/PIB ata o 13,9 %, o que nos permitirá este exercicio achegarnos ao 13 % e anticipar este obxectivo catro anos en relación á previsión do Plan Estratéxico de Galicia 2030”, dixo, subliñando que a redución da ratio débeda/PIB é de practicamente un 30 % nos últimos cinco anos. E todo isto, engadiu, “situándonos á cabeza do pago áxil aos provedores”. De feito, só en 2025 a Xunta abonou case 743.000 facturas por importe de 4.672 M€ a 15.459 provedores.
Para o conselleiro de Facenda, o endebedamento responsable confirma, un ano máis, que Galicia non ten un problema de endebedamento, senón que o que precisa é un mellor financiamento, que non achega a proposta de reforma do Sistema de Financiamento Autonómico anunciada polo Goberno central.
En relación ao crecemento, resaltou que Galicia mantén unha mellor evolución media que España desde o ano 2019, na postpandemia. En concreto, de 2,2 puntos de maior crecemento ata 2025, mantendo o diferencial en todo o período.
Así mesmo, resaltou a boa evolución do emprego, xa que, desde finais do ano 2019, en termos EPA, aumentaron en 75.300 as persoas ocupadas (un 7%, ata 1.097.000); e reducíronse as persoas paradas en 39.300, case un 27% e 7,2 puntos máis que a media en España. Todo isto, cunha suba de 36.000 o número de persoas activas. A taxa de paro caeu neste período do 11,8% ao 8,3% e, en canto ao paro rexistrado, baixou en 52.223 persoas desde finais de 2019.
Estabilidade
O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu facendo fincapé en que Galicia cumpre obxectivos de estabilidade e executa o orzamento: pechando 2025 sen déficit por segundo exercicio consecutivo e executando o 100,8 % dos fondos propios, ademais de liderar a capacidade investidora sen ter que recorrer ao endebedamento, grazas ao aforro bruto, que acada os 1.359 M€.