A Xunta crea a Comisión de Proxección Institucional no marco do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, presidiu hoxe a sesión constitutiva desta entidade, que ten como obxectivo aumentar a presenza de Galicia no ámbito institucional dos países de lingua portuguesa en áreas como a gobernanza, os intercambios universitarios e as industrias creativas e culturais

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presidiu hoxe a sesión constitutiva da Comisión de Proxección Institucional do Observatorio de Lusofonía Valentín Paz Andrade, que ten como finalidade aumentar a presenza de Galicia en todas as institucións dos países de lingua portuguesa, en asuntos de relevancia como son o fortalecemento institucional e a gobernanza, os intercambios universitarios e as industrias creativas e culturais.

 Esta sesión constitutiva, que tivo lugar na sede do Consello da Cultura Galega, serviu para definir os obxectivos específicos da comisión e tratar sobre o traballo desenvolvido ata o momento no Observatorio. 

Ademais de pola Xunta de Galicia, a comisión estará composta pola Confederación de Empresarios de Galicia, a Associação de Docentes de Portugués na Galiza, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!, a Universidade da Coruña, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais (FCEER), a Associaçom Galega da Língua (AGAL), a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP).

A Comisión de Proxección Institucional é unha das tres que se acordaron crear no Plenario do Observatorio da Lusofonía co obxectivo inicial de analizar as perspectivas que se abren grazas a circunstancias como a participación de España como observador asociado na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa, por iniciativa de Galicia. Así mesmo, abordará a cooperación ao desenvolvemento máis alá de Portugal e Brasil, especificamente nos países africanos de fala portuguesa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2026