A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, fixo balance dos dez anos en vigor desta normativa hoxe no Parlamento
A Lei do Solo de Galicia permitiu reducir en máis da metade os tempos de tramitación administrativa do planeamento urbanístico
Destacou que dende a aprobación da Lei do Solo, a Xunta recaba todos os informes sectoriais autonómicos, reducindo nun 80% o tempo de tramitación destes expedientes
Desde a entrada en vigor da lei no 2016 se aprobaron 46 figuras de planeamento, beneficiando a 1,3 millóns de habitantes, a metade da poboación galega
Os 89 plans especiais de ordenación aprobados desde o 2016 tiveron un tempo medio de tramitación de 34 meses, mentres que coa anterior normativa, a Lei de Ordenación Urbanística de Galicia, esa media era de 62 meses
Subliñou a figura do Plan Básico Municipal para concellos de menos de 5.000 habitantes e indicou que desde 2016 aprobáronse 6 definitivamente e 18 están en tramitación
A lei tamén implementou o Rexistro de Planeamento de Galicia, que garante a seguridade xurídica e, desde a súa creación, inscribíronse un total de 818 instrumentos de planeamento e ordenación do territorio
Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2025
A directora xeral de Urbanismo da Xunta, Encarnación Rivas, destacou hoxe no Parlamento que a Lei do Solo de Galicia permitiu reducir en máis da metade os tempos de tramitación administrativa relativos aos planeamentos urbanísticos. Rivas compareceu hoxe no Parlamento galego para facer balance dos dez anos en vigor desta normativa.
Na súa intervención, destacou que a Lei do Solo de Galicia situou á comunidade como referente na ordenación urbanística e territorial ao dotala dun Rexistro de Planeamentos e de medidas pioneiras en simplificación administrativa. Neste senso, indicou que desde 2016 se pasou de 85 concellos con planeamento adaptado a un total de 124 este ano.
Rivas subliñou que a citada axilización nos tempos de tramitación se debe a que trala aprobación desta lei, a Xunta é a encargada de recadar das administracións públicas competentes e remitir aos concellos os informes sectoriais autonómicos exixibles na tramitación dos plans, así como das súas modificacións puntuais. Neste sentido, sinalou que se acadou unha diminución do 80% no tempo de tramitación destes informes.
Ademais, a directora xeral de Urbanismo fixo un chamamento aos grupos políticos para que insten ao Estado para que, ao igual que está a facer a Administración autonómica, asuma o seu compromiso e designe un organismo, como a Delegación do Goberno ou ben as Subdelegacións, para recabar todos os informes sectoriais de competencia estatal, o que implicaría unha nova rebaixa significativa nos prazos de tramitación.
En xeral, a aplicación da Lei 2/2016 do Solo de Galicia permitiu reducir practicamente nun ano os prazos de tramitación dos planeamentos urbanísticos, sendo o tempo medio con anterioridade de 49 meses e na actualidade de 26,5 meses.
Salientou que esta lei ten como obxectivo prioritario dotar a todos os municipios dun instrumento de planeamento de calidade nun prazo razoable. Neste sentido, cabe salientar que desde a entrada en vigor da lei no 2016 ata a actualidade, se aprobaron 46 figuras de planeamento, practicamente unha cada 3 meses, beneficiando a 1,3 millóns de habitantes, a metade da poboación galega.
Lembrou que existen o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) ou os Plans Básicos Municipais (PBM) para concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan cun planeamento xeral. Aprobáronse nestes dez anos 6 plans básicos de xeito definitivo, cun tempo medio de tramitación de 27 meses, mentres que outros 18 concellos teñen o PBM en tramitación.
Apuntou que esta lei tamén implementou o Rexistro de Planeamento de Galicia, co fin de difundir, dar seguridade xurídica e facer totalmente transparente a información urbanística e onde non soamente están recollidos os Plans Xerais de Ordenación Municipal (PXOM), senón todas as figuras de planeamento. Desde a súa creación, inscribíronse neste Rexistro un total de 818 instrumentos de planeamento e ordenación do territorio, o que amosa o grao de dinamismo do desenvolvemento urbanístico da Comunidade.