A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático remitiu unha carta á ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico
A Xunta exixe a suspensión do prazo de alegacións á reforma do regulamento xeral de costas por defectos de forma e a ausencia de información preceptiva
Ángeles Vázquez salienta que o anteproxecto de real decreto non está acompañado da preceptiva memoria de análise de impacto normativo, que inclúe a correspondente documentación de avaliación xurídica, económica e orzamentaria
A conselleira defende que se trata de información imprescindible para poder realizar as necesarias observacións ao texto ao tempo que denuncia que nesta ocasión non se garantiron os principios de cooperación e colaboración entre administracións
Reitera a demanda de convocatoria urxente dunha Conferencia Sectorial para abordar este asunto e a elaboración dunha nova Lei de Costas co fin de garantir o principio de legalidade e o equilibrio entre o desenvolvemento socioeconómico nas zonas costeiras e a protección do medio ambiente
O Executivo galego lamenta que o Ministerio para a Transición Ecolóxica tivo gardados nun caixón durante máis de cinco anos preto de 140 expedientes de concesións no litoral, co correspondente prexuízo para os seus titulares
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, remitiu unha carta á ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para manifestar o seu malestar coa maneira de proceder do Goberno central na tramitación da reforma do Regulamento Xeral de Costas. Neste sentido, Galicia exixe a suspensión do prazo de alegacións ao anteproxecto de real decreto pola existencia de numerosos defectos de forma e a ausencia de información preceptiva e imprescindible para exercer adecuadamente, de xeito ben fundamentado, ese dereito a realizar aportacións.
A responsable autonómica lembra que as comunidades coñeceron a publicación do trámite de audiencia e información pública da modificación do regulamento a través da web do Ministerio e que o período para facer achegas vai do 9 de marzo ao 1 de abril, polo que son só 18 días hábiles, practicamente o mínimo previsto legalmente.
E esta situación dáse malia que a tramitación do real decreto non se está a realizar pola vía de urxencia, dado que non encaixa cos supostos legais previstos. Ademais tampouco se xustificaría esa urxencia tendo en conta que o procedemento aberto por Bruxelas para modificar a normativa se remonta a decembro do ano 2024.
Ángeles Vázquez incide en que, a diferenza dos dous intentos anteriores do Goberno central de modificar o Regulamento Xeral de Costas, nesta ocasión o texto articulado proposto non está acompañado da preceptiva Memoria de Análise de Impacto Normativo (MAIN). Esa memoria adoita incluír o correspondente documento de avaliación xurídica e un estudo de impacto económico e orzamentario no que se cuantifican as consecuencias da súa aplicación sobre os sectores, colectivos ou axentes afectados pola norma. Trátase de cuestións todas elas imprescindibles para facer de xeito fundamentado as correspondentes observacións.
Ademais, non semella aleatorio o feito de que o Regulamento Xeral de Costas sexa o único borrador de real decreto dos publicados nos últimos días na páxina de transparencia do Goberno central que carece da preceptiva MAIN.
Nesta liña, lembrou que o Ministerio debería ter seguido o mesmo procedemento que nos anteriores intentos de modificar o regulamento e dar audiencia á cidadanía, ás organizacións e entidades interesadas así como remitir o texto articulado e a memoria correspondente á Xunta. De feito, as dúas veces anteriores, pediulle a esta última un informe sobre a normativa do que agora prescinde.
Ángeles Vázquez urxe ademais a convocatoria da Conferencia Sectorial de Costas de xeito presencial para abordar coas comunidades a reforma do regulamento -cousa que xa debería ter feito antes de iniciar o procedemento- e a necesidade de elaborar unha nova Lei de Costas -como piden as autonomías- co fin de garantir o principio de legalidade e o equilibrio entre o desenvolvemento económico e social e a protección do medio ambiente.
Concesións na costa
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático lamenta así mesmo que, logo de asumir plenamente a xestión do litoral o pasado 1 de xullo, a Xunta aínda segue agardando a que o Goberno central remita 194 expedientes de concesións na costa. Denuncia neste sentido que, dos xa recibidos -un total de 661- moitos chegaron de forma deficiente, con formatos e documentos que dificultan acceder á información necesaria para a súa tramitación.
Explica ademais que, logo de analizar esta documentación, detectouse que máis da metade dos 248 expedientes recibidos en relación con concesións no litoral que están en tramitación son de antes de 2020. Isto denota que o Ministerio mantivo estes 137 procedementos parados, gardados nun caixón, durante máis de cinco anos, co correspondente prexuízo para os seus titulares.
Un desleixo que segundo a conselleira contrasta coa celeridade do Goberno autonómico, que, desde a asunción plena das competencias neste eido, xa foi quen de resolver máis de 900 autorizacións, informes e concesións no dominio público marítimo-terrestre e zonas de servidume de protección.