A Xunta adxudica as obras da igrexa de San Vicenzo do Grove por máis de 200.000 euros

A intervención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca resolver os problemas derivados das humidades co fin de facilitar o uso cultural do inmoble

As actuacións neste ben pontevedrés encádranse no compromiso do Goberno galego coa protección e conservación dos bens patrimoniais da Comunidade

As obras súmanse á recente inauguración da aula interpretativa do xacemento de Adro Vello, situado a carón da igrexa

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2026

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar as obras de restauración e conservación da igrexa de San Vicenzo, no municipio pontevedrés do Grove, por máis de 200.000€, co obxecto de resolver os problemas de entrada de auga rexistrados nos encontros da cuberta e nas escaleiras da torre do campanario. Para facelo, os traballos, contan cun prazo de execución previsto de seis meses.

Así mesmo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude procura con este proxecto mellorar a ventilación e os niveis de salinidade presentes nas fachadas e que están provocados tanto polos rexuntados de cemento como pola súa proximidade ao mar. As instalacións previstas inclúen tamén a instalación de chapas de zinc e láminas impermeables, a modificación das carpinterías das fiestras, a dotación de ventilación no baixocuberta ou a renovación dos morteiros de cal tradicional.

A intervención complétase coa limpeza das fachadas, o desalgado das zonas alteradas e a consolidación e reintegración daquelas zonas con maior afectación. Por último, incorporarase unha trapela á saída da escaleira da torre ao campanario que evite a entrada de auga e permita a ventilación.

Proximidade ao xacemento de Adro Vello

Cómpre lembrar que a igrexa de San Vicenzo do Grove ergueuse en substitución dunha anterior situada no xacemento arqueolóxico de Adro Vello e aproveitando a pedra desta para a nova construción.

Por último, salientar que estas actuacións forman parte do compromiso do Goberno galego con esta parroquia e súmanse á inauguración, este pasado mes de agosto, da aula interpretativa de Adro Vello, a carón desta igrexa co obxecto de contribuír a pór en valor o importante patrimonio co que conta a Comunidade galega.

Data de actualización: 13/03/2026