O Museo do Castro de Viladonga culmina un proxecto de arqueoloxía experimental cunha mostra sobre siderurxia
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Xunta promoveu un estudo acerca da metalurxia e o traballo do ferro no xacemento
Lugo, 13 de marzo de 2026
O Museo do Castro de Viladonga acolle unha exposición sobre siderurxia que culmina un proxecto de arqueoloxía experimental levado a cabo nos últimos anos neste centro, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. A mostra foi presentada hoxe na Delegación Territorial da Xunta en Lugo nun acto no que participaron o delegado territorial, Javier Arias; a directora do Museo, Elena Varela; o comisario da exposición, Diego Torres, e o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, entre outros.
A mostra “A siderurxia no Castro de Viladonga. Unha achega dende a antigüidade” está composta por diferentes paneis informativos, unha escolma de elementos metálicos atopados no castro e na súa contorna, e o forno utilizado no experimento, réplica dun forno de tipo galo-romano construída con pedra local e pallabarro.
Permanecerá instalada ata o mes de outubro, e axudará aos visitantes a aproximarse ao inicio da metalurxia, afondando en aspectos como a obtención de minerais, a elaboración do ferro e outros subprodutos froito do proceso, e a fabricación de utensilios con estes materiais. A información tamén será accesible nos vindeiros días a través dun vídeo documental online titulado “Da pedra ao ferro”, que estará dispoñible na páxina web do Museo e nas redes sociais.
Javier Arias explicou que a Xunta promoveu en Viladonga un amplo estudo sobre as materias primas que podían atoparse na contorna, as técnicas, e as ferramentas coas que traballaban os minerais. Contou coa colaboración da cooperativa Árbore Arqueoloxía e a parte práctica foi executada polos ferreiros Friedrich Bramsteildl e Jon Sánchez.
Conxugou investigación e experimentación; en concreto, lograron reducir o mineral de ferro reproducindo os antigos procedementos, para o que se empregou goethita da zona de Valdeorras, carbón vexetal e ósos a modo de escourificante.