A Xunta renova a súa colaboración coa Semana Santa de Lugo, declarada Festa de Interese Turístico Galego

Lugo, 16 de marzo de 2026

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou hoxe na presentación do cartel e o programa da Semana Santa de Lugo, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. A Administración autonómica renova a súa colaboración coas actividades culturais organizadas durante esas datas, que dará comezo o mércores 25 de marzo co pregón a cargo do comandante militar de Lugo, José Antonio Roldán.

Arias agradeceu á Xunta de Confrarías o seu labor de impulso e promoción desta cita, que combina “relixión, cultura e tradición” e ocupa “un lugar destacado dentro da oferta turística da capital lucense”. Ademais das procesións das distintas confrarías, a Semana Santa lucense ofrecerá outras actividades culturais “que enriquecen a celebración e nos permiten afondar na nosa historia, música e tradicións”. Entre as actividades previstas destacan o concerto ‘A música tradicional galega nas marchas procesionais’ de Bruno Vilamor -o xoves 26, no auditorio Vello Cárcere-  e o IX Concerto Música Sacra, a cargo da Banda Filarmónica de Lugo -o sábado 28, na igrexa de San Pedro-.

O delegado territorial subliñou na presentación que o patrimonio monumental e histórico da cidade cobra especial relevancia nos actos que se desenvolven durante a Semana Santa, e resaltou o compromiso da Xunta coa súa preservación e posta en valor. Nese sentido, referiuse entre as actuacións máis recentes aos traballos encamiñados a solucionar os problemas de humidade na Catedral de Santa María, que contaron cun orzamento de 450.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/03/2026