O presidente galego visitou algúns dos traballos que se están acometendo na vila grazas ao financiamento autonómico
Rueda destaca o compromiso da Xunta con mellorar o saneamento en Vilagarcía de Arousa cun investimento de 43,2 M€
Asegura que o obxectivo é dotar ao municipio dun sistema de depuración “á altura” que dea servizo “a veciños, industria” e turistas
Resalta que estas melloras permitirán “preservar o medio ambiente” da contorna como a ría de Arousa e os ríos próximos
As obras de mellora da rede municipal, nas que o Goberno galego inviste uns 11,8 M€, poderán estar rematadas este verán
Pon en valor a futura ampliación da depuradora, que contará cun financiamento global de 31,4 M€
Destaca a importancia da colaboración institucional para mellorar infraestruturas e optimizar os servizos que se prestan á veciñanza
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 17 de marzo de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso do Goberno autonómico con mellorar o saneamento en Vilagarcía de Arousa a través dun conxunto de actuacións que suman un investimento de 43,2 millóns de euros. Durante unha visita a algúns dos traballos que se están levando a cabo, salientou a importancia de contar cun sistema de depuración “á altura desta cidade” e que permita “preservar o medio ambiente, esta marabillosa ría” ou os ríos da contorna.
O presidente desprazouse ata o tanque de tormentas que se está executando na contorna da rúa Valle Inclán, así como ao que está emprazado ao carón de Fexdega, xa rematado. Alí deu conta de que proximamente rematarán os traballos para optimizar a rede municipal e están en licitación as obras de ampliación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) do concello, que tamén contribuirán a mellorar a calidade das augas do conxunto da ría de Arousa.
En concreto, a Xunta está investindo uns 11,8 M€ en ambos tanques de tormentas, ademais de actuar na rede con novos colectores e impulsións. O obxectivo é minimizar os alivios ao río do Con e protexer a ría de Arousa. Actualmente, as obras están executadas ao 80%, polo que a previsión é que poidan estar rematadas este verán.
Por outro lado, Rueda puxo en valor a futura ampliación da EDAR de Vilagarcía de Arousa. É unha obra de gran envergadura que conta cun investimento global de 31,4 millóns de euros: o 80% achegado pola Xunta e cofinanciado con fondos europeos; e o 20% restante apórtao o concello.
“O obxectivo é darlle servizo as decenas de miles de persoas que viven aquí todo o ano, a industria e a xente que vén en determinadas épocas do ano”, indicou. De feito, con esta ampliación, pasará de ter capacidade para 46.000 habitantes equivalentes a 100.000. O contrato para a execución destas obras atópase actualmente en fase de licitación e, tal e como indicou, a previsión é “que as obras poidan comezar en 2027”.
O titular do Executivo autonómico explicou, ademais, que o Goberno galego está traballando no conxunto da ría de Arousa para mellorar a calidade das súas augas. Así, ademais destas actuacións, citou outras previstas como a mellora do saneamento da Illa de Arousa e de Vilanova de Arousa-Cambados. A maiores, tamén están previstas intervencións no eido do abastecemento, como a ampliación proxectada na estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Padrón e do Salnés. De feito, Augas de Galicia destinará este ano 1 de cada 6 euros do seu orzamento a esta ría (25,4 M€).
Colaboración institucional
Durante a súa intervención, Rueda fixo especial fincapé na relevancia da colaboración institucional entre concellos e Xunta e puxo á localidade como un exemplo nesta materia. Nesta liña, lembrou que moitas veces os municipios non teñen capacidade para acometer “estas obra de gran envergadura” polo que a colaboración da Xunta “é imprescindible e inescusable”.
Rueda avogou por que as administracións sexan capaces de superar as diferenzas para poñerse de acordo á hora de mellorar infraestruturas, recursos e servizos en beneficio da veciñanza.