O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e o presidente do organismo provincial visitaron o inmoble, acompañados pola delegada territorial do Goberno galego

Xunta e Deputación de Pontevedra presentarán en abril o proxecto de execución que permitirá licitar as obras do teatro Cine Fraga antes do verán

López Campos e Luis López destacan que “cumpren coa palabra dada” de recuperalo e avanzar nos trámites para convertelo “nun espazo cultural de primeiro nivel”

O representante do Goberno galego avanza que se prevé a resolución da licitación “entre finais deste ano e principios do que vén”

O presidente da institución provincial salienta a grande acollida das visitas ao edificio, con preto de 1800 persoas e unha trintena de colectivos participantes 

Informan da restauración do material patrimonial inventariado e que será devolto ao espazo, entre eles, o órgano de cine, único en España

Vigo, 18 de marzo de 2026

A Xunta de Galicia a Deputación de Pontevedra presentarán en abril o proxecto de execución para o Teatro Cine Fraga realizado polo equipo de César Portela e co que se iniciará o trámite para licitar as obras antes do verán. Así o anunciaron hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, antes de participar nunha das visitas organizadas por ambas as dúas administracións para coñecer este espazo.

“Cumprimos coa palabra dada de recuperar este espazo emblemático para todos os vigueses e galegos e tamén estamos a cumprir cos trámites e prazos para transformalo nun espazo cultural de primeiro nivel e epicentro cultural do noroeste peninsular”, salientaron os dous representantes institucionais durante a súa visita ao inmoble, acompañados pola delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz.

Así, o titular de Cultura do Goberno galego confirmou que xa está presentada a redacción do proxecto básico das obras, por parte do equipo de César Portela, a quen se lle adxudicou á recuperación do Teatro Cine Fraga por ser o propietario intelectual da intervención orixinal e director da actuacións xa executadas no inmoble.

Polo tanto, avanzou que, neste intre, “se está xa ultimando o proxecto de execución, que se prevé presentar no vindeiro mes de abril”. Consecuentemente, López Campos explicou que, unha vez que se dea este paso, iniciarase o proceso administrativo “co obxecto de licitar as obras no primeiro semestre deste 2026. A previsión é que se resolva antes de que remate o ano ou a principios do que vén”, adiantou.

Restauración do órgano e outros bens

Ademais destes trámites para avanzar na recuperación do inmoble, o representante de Cultura da Xunta tamén informou de que xa se inventariou o material patrimonial do interior do Teatro Cine Fraga, que foi trasladado por ambas as dúas administracións a un almacén no Porriño “co obxecto de proceder a súa restauración e integralos de novo no inmoble”. Entre estes bens, salientou que se atopa o órgano de cine, “único existente en España para acompañar as proxeccións e que vai volver a súa casa nas mellores condicións como alma e testemuña viva da súa historia”, aseverou.

Preto de 1800 visitas ao inmoble

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Lugo fixo fincapé no “acerto” de recuperar do Teatro Cine Fraga polo “entusiasmo e  grande acollida da cidadanía, que se percibiu desde o primeiro momento coa alta participación de propostas e suxestións para que se tivesen en conta no plan de usos, xa presentado”, lembrou.

Nesta mesma liña, Luis López considerou “moi significativo do interese cidadán” por este ben “o grande éxito” que están a rexistrar as visitas guiadas ao interior do Teatro Cine Fraga. Así, destacou que, no ecuador do inicio desta iniciativa, “xa son un total de 1775 persoas as que participaron nelas desde a súa posta e marcha en outubro do pasado ano”. Por estes motivos, celebrou a “ilusionante acollida que lle deron os vigueses, os galegos e todo o sector cultural á recuperación deste inmoble, tal e como demostra a participación nas visitas de 32 asociacións, colectivos e entidades culturais”.

Precisamente, ambos representantes institucionais incidiron en que a recuperación que proxecta a Xunta e a Deputación de Pontevedra, tras mercalo en xullo do pasado ano, pasa por transformar o Teatro Cine Fraga nun espazo arquitectónico “flexible e polivalente que permita desenvolver unha programación cultural á altura das necesidades dos vigueses e vigueses, e tamén de Galicia”.

Con este obxectivo, salientaron que van converter este edificio emblemático, de 7.000 metros cadrados, “nun espazo escénico, musical, audiovisual e literario de referencia no noroeste peninsular”. Para iso, lembraron que xa conta cunhas liñas estratéxicas definidas e un plan de usos perfilado, para o que volveron agradecer o papel das achegas feitas pola cidadanía a través da campaña, presencial e virtual, O mellor espazo busca o mellor contido.

Data de actualización: 18/03/2026