A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias
A Xunta sostén que o Goberno central asume a falta de información e os defectos de forma denunciados por Galicia na reforma do Regulamento de costas
Ángeles Vázquez asegura que o feito de que o Ministerio veña de ampliar o prazo para presentar observacións e de enviar a memoria de análise de impacto normativo que aínda non fixera pública supón unha resposta ás reclamacións de Galicia e do resto de comunidades litorais
Lamenta, non obstante, que esta rectificación do Goberno central se produza logo de que a Xunta puxera en evidencia que a proposta estatal non se axustaba a dereito
A conselleira propón á Fegamp que se una ao grupo de traballo impulsado en Galicia para formular alegacións á reforma deste regulamento na defensa dos intereses da Comunidade
Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2026
A Xunta sostén que o Goberno central vén de asumir a falta de información e os defectos de forma denunciados por Galicia no procedemento iniciado para a reforma do Regulamento xeral de costas.
De feito, esta tarde o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico remitiu ás comunidades autónomas litorais a preceptiva Memoria de Análise de Impacto Normativo (MAIN) e comunicou a ampliación do prazo para realizar observacións ao anteproxecto da reforma regulamentaria ata o 15 de abril, cando na proposta inicial remataba o día 1 dese mes.
Esta rectificación prodúcese logo de que a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, trasladase nunha carta á ministra o malestar de Galicia coa maneira de proceder do Goberno central na tramitación desta reforma. Así, alegaba que existían numerosos defectos de forma e que faltaba información preceptiva e imprescindible para exercer de xeito ben fundamentado o dereito a realizar aportacións.
Nese senso, o Executivo galego lamenta que esa rectificación do Goberno central se producise despois de que Ángeles Vázquez puxese en evidencia en Bruxelas que esa proposta non se axustaba a dereito na medida en que, nos termos propostos, incumpría a lexislación española, ademais de ignorar a opinión das comunidades autónomas competentes na materia.
Cómpre lembrar que a Memoria de Análise de Impacto Normativo, que non figuraba no borrador de real decreto publicado polo Ministerio, adoita incluír o correspondente documento de avaliación xurídica e un estudo de impacto económico e orzamentario no que se cuantifican as consecuencias da súa aplicación sobre os sectores, colectivos ou axentes afectados pola norma. Son cuestións imprescindibles para facer de xeito fundamentado as correspondentes observacións, tal e como sempre defendeu a Xunta.
Grupo de traballo en Galicia
Neste contexto, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe un encontro co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, no que lle propuxo formar parte do grupo de traballo creado en Galicia precisamente para formular alegacións ao anteproxecto deste Regulamento Xeral co fin de defender os intereses da Comunidade.
Nesa liña, apelou á colaboración de todos os sectores e administracións con intereses nesta materia, porque é fundamental a participación de todas as partes implicadas co fin de frear unha modificación normativa que poría en risco o futuro de moitas instalacións asentadas no litoral.
A Xunta continúa así coa rolda de contactos iniciada o pasado 16 de febreiro cos axentes sociais e económicos con intereses na franxa costeira tras coñecer a consulta pública previa lanzada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para reformar o regulamento, un trámite que supón o terceiro intento de modificar a normativa de costas pola porta de atrás.
Nesta liña, Ángeles Vázquez salientou a relevancia de analizar cos concellos as afeccións a Galicia desta acción unilateral do Goberno central dado que máis da metade da poboación da comunidade vive nos 86 concellos costeiros galegos. A conselleira explicou que o apoio das entidades locais é vital para reclamar unha modificación da normativa ou mesmo a redacción dunha nova Lei de Costas estatal -como piden Galicia e o resto de comunidades con litoral- desde a seriedade e o rigor, pola vía do diálogo e co máximo consenso posible.
De feito, á responsable autonómica explicou aos representantes da Fegamp as xestións realizadas esta semana en Bruxelas. Neste sentido, lembrou que mentres que a Comisión Europa exixe a adaptación da normativa española á directiva de servizos a través dunha modificación da Lei de Costas, o Ministerio opta pola vía do real decreto para evitar o debate parlamentario dado que carece de maioría suficiente nas Cortes.
Ángeles Vázquez lamentou ademais que o procedemento iniciado polo Goberno central se aparta do seguido nos dous intentos anteriores simplemente coa finalidade de aprobar o anteproxecto de maneira acelerada despois de estar gardado varios anos nun caixón. E o máis grave, incidiu, é que pretende derrogar prórrogas extraordinarias e ordinarias de concesións de actividade no litoral, conculcando os dereitos adquiridos previamente polos titulares desas concesións.
Nesta liña, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático subliñou que o anteproxecto de Regulamento Xeral de Costas é nulo de pleno dereito porque ningún regulamento pode contravir ou deixar sen efecto nin validez un norma con rango superior como a Lei de Costas. Ademais, tamén sería nulo por invadir as competencias das comunidades autónomas en materia de xestión e ordenación do litoral.
Por todo isto, a conselleira reiterou que a reforma proxectada xeraría unha grave inseguridade xurídica e prexuízos irreparables desde o punto de vista socioeconómico, e defendeu a necesidade de que se implique ás comunidades nesta cuestión mediante a convocatoria da Conferencia Sectorial de Costas.
Por iso, concluíu comprometendo o traballo incansable do Executivo galego na defensa dos intereses de Galicia, dos concellos, das actividades socioeconómicas e dos particulares asentados na costa fronte ao que considerou un novo atropelo do Goberno central co fin de eliminar, de xeito arbitrario e sen informes técnicos que o xustifiquen, calquera vestixio de presenza humana da franxa litoral.