O presidente galego visitou os terreos onde acaban de comezar os traballos

Rueda reafirma o compromiso co termalismo en Ponte Caldelas no marco do Plan territorial de sostibilidade turística con 1 millón de euros

Pon en valor que este novo espazo permitirá dinamizar a economía local e poñer un novo servizo a disposición da veciñanza

Destaca a relevancia do termalismo en Galicia, a segunda rexión europea con maiores reservas de augas mineromedicinais

Reivindica a importancia do turismo termal e a súa contribución a diversificar os fluxos de viaxeiros

Ponte Caldelas (Pontevedra), 21 de marzo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o compromiso do Goberno galego co novo espazo termal que se construirá en Ponte Caldelas. En concreto, a Administración autonómica achegará 400.000 euros a esta actuación, que se enmarca nun investimento global de 1 millón de euros do Plan territorial de sostibilidade turística de vilas termais e cascos históricos, cofinanciado por fondos europeos Next Generation no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. “Temos que ser un punto de atracción e de prestixio en materia termal”, afirmou.

Así o sinalou esta mañá tras visitar os terreos onde se levantarán estas novas instalacións, proxectadas polo concello que contarán tamén coa colaboración da Deputación de Pontevedra, sendo así son un exemplo de cooperación entre administracións.

Durante a súa intervención, apuntou que iniciativas como estas permiten dinamizar a economía e sociedade local, poñer un novo servizo a disposición da veciñanza e facelo, ademais, recuperando parte da cultura propia, en tanto este espazo foi xa un balneario no pasado. “Este tipo de iniciativas permiten darlle unha oportunidade aos sitios máis pequenos de que teñan visitas de calidade durante todo o ano”, declarou.

O titular do Executivo galego puxo en valor a importancia do termalismo en Galicia, un sector que permite diversificar os fluxos de viaxeiro. Galicia é a segunda rexión europea con maiores reservas de auga mineromedicinais e que concentra o 20% da oferta termal de toda España. “O turismo está cambiando e moitísima xente vai buscar este tipo de lugares”, subliñou.

A Xunta destaca a importancia de seguir investindo en turismo ante o Xacobeo 2027, co obxectivo de consolidar un evento histórico e reforzar a marca Galicia Calidade, tras un 2025 de cifras récord. Neste contexto, Rueda subliñou que “grazas á colaboración de agrupacións como o Clúster de Turismo, estamos posicionando a Galicia nun lugar no que moitos queren estar”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2026