Arias lembra que as entidades veciñais poden solicitar as axudas da Xunta para mellorar infraestruturas ata o 20 de abril

O delegado territorial de Lugo explica que se destinan 3 millóns de euros a apoiar iniciativas das asociacións de veciños e de mulleres rurais e das comunidades de usuarios de augas

Comprobou en Castroverde unha das actuacións realizadas o pasado ano ao abeiro desta convocatoria, que distribuíu na provincia máis de 653.000 euros

Lugo, 24 de marzo de 2026

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, lembrou hoxe que as entidades veciñais poderán solicitar ata o 20 de abril as axudas da Xunta para a mellora de infraestruturas, que contan cun orzamento global de 3 millóns de euros.

Arias explicou que a medida está destinada ás asociacións de veciños, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas, e as achegas poden alcanzar a totalidade do investimento realizado, co límite de 12.000 euros para obras e de 5.000 euros para equipamento. O pasado ano resultaron beneficiados 72 colectivos da provincia, que recibiron en total máis de 653.000 euros.

O delegado comprobou en Castroverde unha das actuacións subvencionadas, o equipamento do local do teleclub por parte da asociación de veciños Faxilde-A Pumarega para dispoñer dun espazo acolledor e funcional no que desenvolver as súas actividades. Obtiveron a achega máxima de 5.000 euros para adquirir 10 mesas, 107 cadeiras, un armario de oficina, un arquivador, un aparato climatizador, unha televisión, microondas, cafeteira e neveira.

A presente convocatoria contempla 2,6 millóns de euros para impulsar obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais das asociacións, con actuacións como a eliminación de barreiras arquitectónicas ou melloras en estruturas, fachadas, cubertas, paramentos interiores, ventás, teitos ou obras de fontanería, sistemas de climatización, saneamento ou electricidade.

No que se refire ás iniciativas promovidas por comunidades de usuarios de augas, recóllese como novidade a prioridade das obras de mellora, reforma e reparación nas infraestruturas básicas das traídas de auga afectadas por un incendio forestal durante o verán de 2025 nas zonas declaradas en situación operativa 2. A estas obras sobre captacións, canalizacións e depósitos destinadas a reducir as perdas de auga súmanse outros  traballos cos que mellorar a xestión, medición ou control da calidade da auga ou optimizar a eficiencia enerxética na traída.

Os outros 400.000 euros da convocatoria apoian a dotación de equipamento para o funcionamento das entidades e a organización de actividades específicas, o que inclúe a adquisición de mobiliario ou dotacións informáticas ou audiovisuais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2026