A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participa no Senado nunha sesión sobre o financiamento do sistema de atención aos dependentes
A Xunta denuncia que o Goberno central recorta un ano máis o financiamento da dependencia, reducindo a súa achega ao 32,9% no 2025
Fabiola García destaca que estes datos, coñecidos esta mesma semana, revelan que só no último exercicio o Estado deixou de abonar 250M€, polo que a débeda con Galicia supera xa os 3.000M€
A conselleira denuncia o trato desigual entre comunidades autónomas e defende o modelo galego de atención á dependencia
Pon en valor o plan de choque impulsado pola Xunta, que ten situado a Galicia como líder na axilización aos dependentes
Madrid, 24 de marzo do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, denunciou esta mañá no Senado que o Goberno central continúa incumprindo a Lei de Dependencia e segue reducindo a súa achega ao financiamento deste sistema. Sinalou que, segundo os datos de 2025 coñecidos esta mesma semana, o Executivo central diminuíu a súa contribución ata o 32,9%, dous puntos menos que en 2024, cando alcanzaba o 34,9%.
Fabiola García destacou que, deste xeito, dos 733,7M€ destinados nese ano ao financiamento da dependencia en Galicia, máis de 492M€ foron achegados pola Xunta, fronte aos 241M€ do Estado, o que supón unha diferencia de 250M€ que deixou de abonar no último exercicio. A conselleira denunciou que con estes datos “reflíctese claramente que o Goberno central está moi lonxe de cumprir a lei, que obriga a financiar o 50%, e aumenta ano a ano a súa débeda con Galicia”, superando xa os 3.000M€.
Durante a súa intervención na comisión xeral das comunidades autónomas, fixo fincapé en que crear novos dereitos sen o financiamento axeitado “só xera frustración nos cidadáns”. Ademais, criticou o que considera un trato desigual entre territorios, mencionando o acordo do Goberno central co País Vasco para financiar o 50% da dependencia.
Fabiola García tamén destacou o esforzo realizado por Galicia para mellorar a atención á dependencia, lembrando o plan de choque impulsado pola Xunta en xaneiro de 2025 e que está baseado en tres eixos: un investimento histórico por parte da Xunta, a redución ao máximo da burocracia e a implantación de vías rápidas para certos colectivos.
Segundo indicou, no seu primeiro ano de aplicación o plan permitiu resolver máis de 86.000 expedientes, reducir en máis de dous meses os tempos de espera e situar a Galicia como a comunidade que máis axilizou a atención á dependencia.
Por outra banda, lamentou que este plan estea en risco debido ao recurso presentado polo Goberno central ante o Tribunal Constitucional contra as homologacións automáticas de dependencia e discapacidade. Neste sentido, pediu a retirada do recurso e o recoñecemento do traballo realizado por Galicia neste ámbito.