As bonificacións ao transporte da Xunta supuxeron un aforro superior aos 36 M€ en 2025 para o conxunto das persoas usuarias

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes abordou no Parlamento as medidas implantadas polo Goberno galego para impulsar o transporte público

Actualmente hai operativas máis de 660.000 tarxetas de Transporte da Mobilidade de Galicia que dan acceso ás tarifas bonificadas para viaxes en toda a comunidade

Trátase dun servizo en continua adaptación ás necesidades cambiantes de mobilidade que supón neste ano un investimento superior aos 160 millóns de euros

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2026

 O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, abordou hoxe no Parlamento as bonificacións ao transporte público competencia da Xunta, que supuxeron un aforro superior aos 36 millóns de euros en 2025 para o conxunto das persoas usuarias. O Goberno galego cubriu con esa contía os descontos aplicados a través das distintas tarxetas activadas en Galicia.

Así, segundo sinalou o conselleiro, destináronse 8,25 millóns de euros ás tarifas e vantaxes do transporte metropolitano e 17,5 millóns ás bonificacións temporais cofinanciadas co Estado. Por outra banda, investíronse máis de 7 millóns de euros para a Tarxeta Xente Nova, que se traduciron en máis de 6,47 millóns de viaxes de balde para menores de 21 anos, e 3,28 millóns de euros para a Tarifa +65, que supuxeron 3,75 millóns de viaxes gratuítas para maiores de 65 anos.

Actualmente hai operativas máis de 660.000 tarxetas de Transporte da Mobilidade de Galicia (TMG) que dan acceso ás tarifas bonificadas para viaxes en toda a comunidade, ao sistema tarifario metropolitano e á bonificación por recorrencia. Isto significa que o 82% das persoas usuarias xerais do transporte interurbano se beneficiaron en 2025 dos descontos por pagar coas tarxetas.

Para o conselleiro, estas cifras demostran o bo funcionamento do transporte público competencia da Xunta, que ademais medrou nun 40% no número de persoas usuarias nos últimos anos. Nesta liña, referiuse tamén ás melloras implantadas, que permitiron levar o servizo a todo o territorio. “O 97% dos galegos teñen unha parada do bus interurbano a menos de 1 quilómetro do seu domicilio”, afirmou, e Galicia conta ademais “con máis de 3.600 liñas, máis de 59.000 paradas funcionais e máis de 2,3 millóns de servizos anuais”.

Trátase, ademais, dun servizo en continua adaptación ás necesidades cambiantes de mobilidade dos usuarios. O conselleiro puxo en valor o Plan de transporte público de Galicia, que permitiu establecer “un sistema de prezos homoxéneo e equitativo, un sistema tarifario que trata con igualdade a toda a cidadanía e unha ampla gama de abonos e bonificacións”.

Destacou tamén o investimento do Goberno galego no transporte da súa competencia, xa que destina este ano máis de 160 millóns de euros ao mantemento das catro modalidades de transporte que funcionan na comunidade (interurbano, integrado, escolar e de apoio á mobilidade persoal).

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2026