A Biblioteca Pública da Xunta en Lugo acolleu esta tarde unha homenaxe á Marquesa de Parabere

Lugo, 25 de marzo de 2026

A Biblioteca Pública da Xunta en Lugo acolleu esta tarde a presentación do libro Homenaxe á Marquesa de Parabere, así como unha conferencia sobre a traxectoria desta empresaria e autora dalgunhas das obras gastronómicas españolas de referencia na primeira metade do século pasado.

O delegado territorial, Javier Arias, asistiu ao acto despois de recibir, xa pola mañá na Delegación Territorial, a varios dos participantes neste encontro.

Na conferencia e posterior presentación do libro participaron Santi Almuiña, xefe de cociña do Mesón Colón de Nadela (Lugo) e a axente literaria Déborah Albardonedo, coautores da publicación; os chefs Ricardo Sanz (Madrid), Rafa Centeno -que recibiu a primeira estrela Michelín da provincia lucense no restaurante Vértigo de Sober- e Luis Veira -do establecemento Árbore da Veira (A Coruña)-; o escritor Francisco Narla; e o presidente de Cociñeiros de Lugo, Juan Rubiños. Tamén estivo o director Ignacio Carballo, que anunciou a próxima gravación do documental Mi querida Parebere, sobre a vida da marquesa.

O libro Homenaxe á Marquesa de Parabere, publicado por Planeta Gastro no 2019, recompila 50 das receitas máis emblemáticas de María Mestayer de Echagüe —coñecida como Marquesa de Parabere—. A publicación recrea as elaboracións orixinais e as reinterpretacións realizadas por 50 recoñecidos chefs contemporáneos, entre eles os cociñeiros que hoxe se deron cita en Lugo e que durante a tarde realizaron tamén demostracións de cociña en directo no IES Sanxillao.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2026