Valentín García destaca “o labor pola galeguidade” dos premiados pola Orde da Vieira en Madrid

O secretario xeral da Lingua e o director da Casa de Galicia en Madrid asiste ao acto no que se distinguiu ao filósofo Carlos Baliñas, á Fundación Rosalía de Castro, á revista Grial e á Coral Polifónica de Pontevedra

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2026

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, participaron hoxe en Madrid no LVIII Cabido Xeral da Enxebre Orde da Vieira, un acto destinado a potenciar a galeguidade, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, e durante o que se premiou ao filósofo Carlos Baliñas, á Fundación Rosalía de Castro e á revista Grial.

Así, Valentín García, cofrade da Orde da Vieira desde 2016, destacou que “as entidades e persoas distinguidas a nivel individual fan que a nosa cultura e a nosa lingua estean presentes máis alá da nosa terra, contribuíndo a difundilas e prestixialas”. Deste xeito, felicitou os premiados “polo gran labor que fan pola imaxe de Galicia, sobre todo agora que comezamos a preparación do vindeiro Xacobeo”, mencionando tamén a Coral Polifónica de Pontevedra, que recibiu a Vieira de Honra á Calidade Artística.

O representante do Goberno galego  aproveitou a súa presenza para lembrar as accións a prol da lingua que se levan a cabo desde Madrid “mediante cursos de galego e outras propostas culturais que facemos en colaboración con institucións como a Casa de Galicia ou o Instituto Cervantes”.

Unha fundación promovida por galegos en Madrid

A Enxebre Orde da Vieira iniciou a súa andaina no ano 1968. Este colectivo, promovido por galegos en Madrid, ten por sinal distintivo a celebración de actividades lúdicas e culturais que manteñan viva e constante a presenza da galeguidade en círculos influentes da capital española, se ben os seus membros residen en todo o mundo e espallan por todo o mundo a imaxe da súa terra.

Data de actualización: 28/03/2026