O director de Turismo de Galicia e a delegada da Xunta en Vigo presentaron o festival, que este ano terá lugar a finais do mes de xuño
A cidade de Vigo prepárase para a segunda edición do Galicia Fest que co apoio da Xunta promete mellorar a afluencia de 2025
Trátase dunha das primeiras grandes citas musicais deste verán no marco dos Concertos do Xacobeo
La Reina del Flow, ao que se suman artistas como Maryland, Miriam Rodríguez, Pablo Lesuit, Sabela, Álvaro de Luna, Juan Magán, Taburete, Carla Lourdes, Fredi Leis e Marlena conforman o programa ao que desde hoxe se suman Lori Meyers, Coti e Vera Fauna
Vigo, 31 de marzo de 2026
“A cidade de Vigo converterase de novo nun dos epicentros musicais do verán coa celebración da segunda edición do Galicia Fest, que terá lugar os días 26 e 27 de xuño no Peirao de Transatlánticos”. Así o puxo de manifesto o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, no decurso do acto de presentación da cita musical no que tamén participou a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz.
Durante a presentación da cita, tanto o director de Turismo de Galicia coma a delegada territorial coincidiron en sinalar “os acertos deste festival apostando pola música indie-pop de enorme actualidade, nun formato medio pero suficientemente atractivo, e nunha contorna urbana”. “Son características que unidas ao éxito da primeira edición nos fan pensar nunha maior asistencia este 2026”, destacou Xosé Merelles.
O director de Turismo de Galicia referiuse á ampla e diversa oferta desta segunda edición destacando o éxito e a repercusión das bandas e artistas que o integran. Así, encabezada este plantel o fenómeno internacional La Reina del Flow, ao que se suman artistas como Maryland, Miriam Rodríguez, Pablo Lesuit, Sabela, Álvaro de Luna, Juan Magán, Taburete, Carla Lourdes, Fredi Leis e Marlena. Ademais, Xosé Merelles valorou especialmente que se sumaran as novas incorporacións de Lori Meyers, Coti e Vera Fauna, “que completan así unha oferta musical atractiva e plural”.
Tras o éxito da súa primeira edición en 2025, que reuniu a máis de 13.000 persoas, o Galicia Fest regresa adiantando as súas datas a comezos do verán, e reforzando a capacidade para atraer público e dinamizar a actividade turística en Vigo. Ademais, segundo subliñou o director de Turismo de Galicia, “actúa como motor socioeconómico para a cidade, xerando impacto económico e promovendo a riqueza, ao tempo que atrae visitantes de diferentes puntos de España interesados nunha proposta musical urbana, actual e de calidade”.