A Xunta participa na procesión do Santísimo Cristo do Bo Consolo pola cidade vella da Coruña

A procesión contou con dous pasos principais, o da Oración no Horto e o do Santísimo Cristo do Bo Consolo

A Coruña, 1 de abril de 2026

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, xunto a delegada da Xunta, Belén do Campo, asistiu á procesión do Santísimo Cristo do Bo Consolo, un dos actos destacados da Semana Santa coruñesa que percorre o corazón histórico da cidade.

A comitiva partiu do templo da Venerable Orde Terceira e percorreu as rúas da Cidade Vella, pasando pola praza de Carlos I, San Francisco, Santo Domingo, Zapatería, Damas, praza de Azcárraga, praza da Constitución e Príncipe, para regresar de novo ao punto de saída. Durante o percorrido, os asistentes acompañaron en respectuoso silencio o avance dos pasos procesionais, creando unha atmosfera de gran solemnidade.

A procesión contou con dous pasos principais, o da Oración no Horto e o do Santísimo Cristo do Bo Consolo. Ambos compartiron itinerario polas rúas do casco histórico, nunha manifestación de fonda tradición relixiosa e cultural. O Cristo, unha talla do século XVI —con extremidades datadas no XVIII—, destaca pola súa relevancia patrimonial e simbólica.

A delegada puxo en valor o traballo da Xunta de Confrarías da Coruña pola organización destes actos, así como a implicación da cidadanía, que ano tras ano mantén viva unha tradición que forma parte do patrimonio cultural e inmaterial da cidade.

Belén do Campo destacou que “a Semana Santa da Coruña é unha expresión da nosa identidade colectiva, que combina historia, tradición e participación cidadá”, e animou tanto á veciñanza como ás persoas visitantes a seguir gozando dunha programación que enche de vida as rúas da cidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/04/2026