A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, presidiu a xuntanza da Comisión de Seguimento do Convenio para a prestación do servizo de autotaxi no aeroporto da Coruña
A Xunta aborda a problemática do servizo de taxi no aeroporto de Alvedro e tamén propón a creación dunha área de prestación conxunta na área metropolitana da Coruña
No encontro abordouse establecer un réxime específico temporal que permita a todos os taxistas titulares das licenzas domiciliadas no Concello da Coruña a prestación do servizo durante o peche do aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro entre o 23 de abril e o 27 de maio
A Xunta tamén puxo enriba da mesa a posibilidade de creación dunha área de prestación conxunta na área metropolitana da Coruña co fin de mellorar a eficiencia e a cobertura do servizo de taxi
Santiago de Compostela, 7 de abril de 2026
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, presidiu hoxe a xuntanza da Comisión de Seguimento do Convenio para a prestación do servizo de autotaxi no aeroporto de Alvedro, por parte dos titulares das licenzas domiciliadas nos concellos de Culleredo e da Coruña, onde se abordou a necesidade de dar resposta ao peche do aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro entre o 23 de abril e o 27 de maio de 2026.
Así, o obxectivo é dar unha solución inmediata e eficiente co establecemento durante este tempo dun réxime específico que permita a prestación do servizo de taxi no aeroporto de Alvedro por parte de todos os taxistas titulares de licenzas no Concello da Coruña en igualdade de condicións aos do concello de Culleredo.
A Xunta tamén puxo enriba da mesa no encontro de hoxe a posibilidade de crear unha área de prestación conxunta (APC) na área metropolitana da Coruña co fin de mellorar a eficiencia e a cobertura do servizo de taxi.