Rueda anuncia que a Xunta aumenta ata as 11.932 prazas a oferta para campamentos e actividades de verán, acadando a cifra máis alta da súa historia
O Consello dá hoxe luz verde a esta programación para a mocidade de 9 a 30 anos e cuxo prazo de solicitudes abre o xoves tras a publicación no Diario Oficial de Galicia
Como novidade este ano, terán prioridade no sorteo as persoas non agraciadas no sorteo da campaña do pasado ano
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude destaca que esta programación sitúa Galicia “como referente en conciliación, integración e inclusión”
A maior oferta correspóndese cos campamentos, aos cales poden optar un total de 8.000 nenos e nenas en Galicia
No que respecta aos minicampamentos, cunha duración de cinco días, contan con capacidade para 876 participantes
As accións inclúen tamén campos de voluntariado, lecer alternativo para maiores de 18 anos e o uso de instalacións xuvenís
Santiago de Compostela, 13 de abril de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello deu o visto e prace “á maior oferta de prazas de campamentos e actividades de verán” na historia da comunidade, con 11.932 prazas para nenos e mozos de 9 a 30 anos, o que supón 302 máis que na campaña anterior. Estarán repartidas entre campamentos, minicampamentos, campos de voluntariado, propostas de lecer alternativo para maiores de 18 anos e uso de instalacións xuvenís.
Trátase dun dos programas máis importantes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no que ten que ver cos máis novos e que ano tras ano segue a consolidarse como un referente a nivel de todo o Estado, ofrecendo unha programación que converte Galicia en destino preferente para a mocidade. Un programa que, como resaltou Rueda, supón “un recurso de conciliación moi importante” e que, segundo engadiu o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, permite “ofrecer recursos de ocio de calidade que atraen a mozos galegos, pero tamén para os doutras comunidades autonómicas e o estranxeiro”. “Unha aposta clara e decidida pola conciliación, a integración e a inclusión na que a Xunta inviste 5,5 millóns de euros”, indicou o conselleiro.
Deste xeito, desde o Executivo autonómico preténdese continuar a facilitar oportunidades para gozar dun tempo de lecer educativo de primeiro nivel, fomentando que a xuventude empregue o seu tempo libre na época estival con actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo.
Así, a maior oferta da campaña Modo Verán Activo –“un dos principais piares da programación”, indicou o conselleiro- correspóndese coa modalidade de campamentos, destinados a nenos e nenas de entre 9 e 17 anos, e que este ano conta con 8.050 prazas repartidas en 36 instalacións das 4 provincias, o que supón 173 máis con respecto ás do ano pasado. A estas hai que sumarlles as 301 dispoñibles fóra da Comunidade a través dos intercambios co País Vasco, Castela e León, Castela-A Mancha, A Rioxa, Madrid e Cantabria. Ademais, engádense 105 prazas nos campamentos específicos para persoas con discapacidade convocadas a través da Consellería de Política Social.
Cunha duración de entre oito e 12 días por quenda durante os meses de xullo, agosto e setembro, esta proposta brinda actividades para divertirse e tamén encamiñadas ao enriquecemento persoal e vital dos seus participantes. Neste 2026 inclúense varios campamentos novos como Experiencia Galicia Calidade do Verán, en Boqueixón; Explora o rural, en Vilariño de Conso, e Un verán para lembrar e Multideporte, ambos os dous en Mondariz Balneario.
Máis oportunidades coa rotación de prazas
López Campos explicou que “o prazo de inscricións na campaña abrirá este xoves”, despois da publicación o mércores da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, agás para o programa de actividades de lecer alternativo para maiores de 18 anos que abrirá en maio. Como novidade, o presidente salientou que, “no sorteo de prazas, terán prioridade aqueles que non participaron en ningunha actividade o pasado verán”. Deste xeito, búscase dotar o sistema dunha maior equidade, ao garantir a rotación na adxudicación das prazas dun ano para o outro.
Cómpre destacar tamén que esta campaña avoga cada ano plenamente pola integración e a inclusión, de maneira que todos os mozos e mozas teñen a oportunidade de participar en igualdade de condicións e con independencia das súas necesidades específicas, contando sempre co persoal especializado que se precise. Así as persoas con discapacidade poden presentar a súa solicitude de participación polo procedemento xeral, pola vía das prazas reservadas de inclusión (355), ou ben a través dos campamentos específicos da Consellería de Política Social e Igualdade.
Desde minicampamentos a actividades para maiores de 18
Ademais dos campamentos, nesta edición vólvense programar iniciativas concretas que van desde os máis cativos aos maiores de 18 anos. Así, para a franxa de idade comprendida entre os 9 e 12 anos volven os minicampamentos Coñece Galicia, unha proposta lúdico-formativa que aumenta en preto de 100 as súas prazas con respecto a 2025, chegando ás 876.
Trátase dunha proposta que se desenvolve en espazos naturais cunha duración de cinco días, de luns a venres, en aloxamentos distribuídos por toda a xeografía galega e que conta con 13 programas. O seu obxectivo é favorecer as necesidades de conciliación e coidado das familias á vez que se fomenta o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia.
Por outra banda, dáselle continuidade ao paquete de actividades de ocio educativo, alternativo e saudable para persoas de 18 a 30 anos, que se puxo en marcha en 2024, e que ofrece 160 prazas centradas en cinco programas de catro días de duración. Os mozos e mozas poderán mellorar as competencias e habilidades a través da educación non formal de maneira que coñezan a xeografía e o patrimonio natural, cultural e etnográfico de Galicia.
Campos de voluntariado e uso de instalacións xuvenís
Para maiores de 18 anos tamén están destinados os campos de voluntariado, que incrementan as súas prazas nesta convocatoria, ata as 815. Delas, 665 distribúense entre as 40 propostas localizadas en Galicia, ás cales hai que sumar outras 75 prazas noutras comunidades autónomas e 75 máis no estranxeiro.
Estas accións desenvólvense maioritariamente en colaboración cos concellos e pretenden favorecer a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e a súa contorna, a través da colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos á vez que gozan de alternativas de lecer e tempo libre.
Ademais desta oferta directa, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, tamén inclúe na súa campaña de verán o uso das instalacións xuvenís por parte de asociacións, entidades prestadoras de servizos á mocidade, escolas de tempo libre, corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas que leven a cabo plans relacionados cos mozos e mozas. A proposta ten 1.270 prazas organizadas en quendas de cinco a 10 días de duración.