Belén do Campo amosa o seu respaldo aos concellos de Laxe, Malpica, Ponteceso e Cabana de Bergantiños ante os problemas de conectividade e reclama solucións urxentes á operadora
A delegada da Xunta subliñou que se trata dun problema que afecta a servizos esenciais, como o funcionamento dos propios concellos, o tecido produtivo local ou o funcionamento diario dalgúns trámites dos centros de saúde, e que “non pode normalizarse no rural galego”
A Coruña, 13 de abril de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo hoxe unha reunión de traballo a petición dos alcaldes de Laxe, Malpica de Bergantiños, Cabana de Bergantiños e Ponteceso co obxectivo de analizar a situación derivada das reiteradas incidencias na prestación do servizo de telecomunicacións nestes municipios.
Durante o encontro, a representante autonómica trasladou o respaldo firme da Xunta ás reclamacións dos rexedores locais, que veñen denunciando desde hai meses cortes frecuentes nos servizos de telefonía e internet, con consecuencias directas sobre a actividade administrativa, económica e social da zona, de forma recorrente pola falta de capacidade da infraestrutura neste territorio e tamén con gran incidencia nos últimos períodos estivais.
A delegada subliñou que se trata dun problema que afecta a servizos esenciais, como o funcionamento dos propios concellos, o tecido produtivo local ou o funcionamento diario dalgúns trámites dos centros de saúde, e que “non pode normalizarse no rural galego”.
Neste sentido, lembrou que a prestación do servizo corresponde á operadora, que ten a obriga de garantir a súa continuidade e calidade, especialmente cando se trata de infraestruturas básicas para a cidadanía.
Os rexedores trasladáronlle unha solicitude á delegada para que a Amtega faga un seguimento destas anomalías nestes catro concellos e intermedie coa operadora. Ademais, informaron tamén das queixas formais trasladadas tanto á operadora como á Delegación do Goberno o pasado mes, solicitando unha inspección e a intermediación para que se poña fin aos cortes de subministración nestes catro municipios.
Belén do Campo destacou que o Executivo autonómico continuará colaborando con estes catro concellos para trasladar unha posición común e firme ante a operadora, “porque o rural galego non pode quedar atrás nun ámbito tan básico como as telecomunicacións”.
Por último, a representante autonómica quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía, asegurando que a Xunta “seguirá vixiante e actuando dentro das súas competencias” para contribuír a unha solución definitiva a estes problemas.