Arias anima á mocidade con inquedanzas artísticas a aproveitar os apoios da Xunta para impulsar aos novos creadores

O delegado territorial felicitou aos mozos e mozas de Lugo que sobresaíron nunha ampla variedade de disciplinas nos últimos certames Xuventude Crea e Iniciativa Xove, e que hoxe presentaron os seus proxectos na I Gala Talento Xove Lucense

Lugo, 15 de abril de 2026

A sede da Xunta acolleu hoxe a primeira Gala Talento Xove Lucense, na que se exhibiron as propostas de mozos e mozas da provincia recoñecidas nos últimos premios Xuventude Crea e Iniciativa Xove. Ambos son convocados polo Goberno galego para que a mocidade con inquedanzas artísticas poida dar a coñecer as súas creacións, tanto a nivel individual como colectivo.

O delegado territorial, Javier Arias, felicitou aos gañadores por sobresaír nunha ampla variedade de disciplinas entre os máis de 600 inscritos no 16º certame Xuventude Crea e todos os participantes no 15º programa Iniciativa Xove.

Animou á xente nova a aproveitar as oportunidades que se ofrecen a través destas convocatorias, que “pretenden funcionar como un estímulo económico para impulsar aos novos creadores, pero tamén como escaparate para que o público poida coñecer o seu traballo”. Ademais, os premiados teñen a posibilidade de ser seleccionados para un programa de formación e mentoring para poñer en marcha os seus proxectos.

Actuacións

A gala contou con actuacións dos galardoados do Xuventude Crea na modalidade de danza moderna, na que Lugo despuntou cun primeiro premio para Miguel Figueiro por Yo Quisiera e o segundo para Uxía Alonso e Mateo Usera, por Perigo de extinción. O terceiro premio foi compartido, e unha das gañadoras foi Irene Sisto por Negra Sombra. Ademais, Ana García e Emma Cruz resultaron finalistas con Fénix.

Tamén houbo unha representación teatral a cargo dos Palimoquiños, de Palimoco Teatro, primeiro premio de teatro amador coa obra Zulo. O gañador na categoría de creación de videoxogos non puido asistir á gala pero enviou un vídeo para presentar o seu traballo, Kitty Witchy. Ademais os finalistas nas modalidades de fotografía - Uxía Rois, por Metamorfose -; videocreación – Antón Manuel Carral, por Maleza -; e banda deseñada – María Xoana Nogueira, por Coraxe -, expuxeron os seus proxectos.

Tamén se deu a coñecer a iniciativa para difundir a música coral en centros educativos Semente Coral, encabezada por Pablo Rico. A proposta foi seleccionada xunto a outras cinco galegas nos primeiros premios Iniciativa Xove, que distinguiron os mellores proxectos presentados a ese programa de axudas convocado dende hai 15ª anos pola Dirección Xeral da Xuventude para apoiar accións lideradas pola mocidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/04/2026